A USC impulsará as vocacións STEM entre as máis pequenas na celebración deste 11-F

martes, 9 de febreiro do 2021 Redacción

JPEG - 72.8 KB
O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia celébrase o 11 de febreiro. FOTO: Santi Alvite

A Universidade de Santiago vai festexar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, este 11 de febreiro, cun “nutrido programa de actividades” que porán o foco na Rede e en mostrar a traxectoria de científicas e tecnólogas que se atopan en diversos intres da súa carreira. A mesa De nenas a investigadoras: o camiño da ciencia busca achegar as experiencias de investigadoras de diferente perfil e etapa profesional na USC, co obxectivo de promover vocacións STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) entre as rapazas novas. Esta actividade terá lugar en liña a partir das 10.00 horas do próximo 11 de febreiro. As inscricións poden formalizarse online.
Investigadoras en fase predoutoral, posdoutoral, xefas de grupo e directivas dos catro centros singulares da USC contarán as claves, anécdotas e logros das súas traxectorias, a fin de espertar a chamada da ciencia en nenas e mozas que decidan orientar a súa formación cara a diferentes ámbitos da ciencia.
Moderada pola responsábel de comunicación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), Elena Mora, a mesa de debate contará coa participación de Paula López, directora adxunta do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS); María Jiménez, investigadora principal do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS); Catarina Allegue Toscano, investigadora posdoutoral do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS); e María José Gómez, investigadora predoutoral do IGFAE.
A dimensión de xénero dende unha óptica europea centrará a xornada que a Oficina de Igualdade de Xénero da USC impulsa este 11 de febreiro. A sesión, que se desenvolverá en formato virtual a través de Teams, será inaugurada a partir das 17.10 horas pola vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo. No acto inaugural tamén tomarán parte Susana López Abella, secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia; e Ana Jesús López Díaz, presidenta da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal).
Moderada pola profesora Alba Alonso Álvarez, a continuación desenvolverase a táboa redonda Dimensión de xénero en Horizonte Europa coa participación de Lina Gálvez Muñoz, eurodeputada-vicepresidenta da Comisión de Industria, Investigación e Enerxía; Elena Domínguez Cañas, vicepresidenta de Relacións Internacionais do CSIC; e Lorena Fernández Álvarez, directora de Identidade Dixital da Universidade de Deusto.

PUBLICIDADE