A USC forma cun software específico aos nosos futuros profesionais da alimentación

martes, 22 de xuño do 2021 Pedro Pérez

O alumnado de grao que se está a formar como nutricionista-dietista na Facultade de Ciencias (Campus de Lugo) amplía a súa capacitación profesional co software Nutrium, que permite poñer en práctica coñecementos teóricos e simular casos reais, en virtude dun convenio asinado entre a USC e a compañía propietaria.
A Universidade de Santiago explica que a dispoñibilidade de Nutrium nas aulas será totalmente gratuíto, o que permitirá aos alumnos formarse cunha ferramenta que xa está a usarse no ámbito profesional.
Esta aplicación permite simplificar as tarefas dos profesionais da nutrición e transformar de xeito automatizado e pouco menos instantáneo os alimentos nun amplo abano de información respecto dos seus valores nutritivos.
Segundo informa a USC, Nutrium posibilita ao alumnado coñecer as porcentaxes de vitaminas, hidratos, proteínas, minerais e demais valores nutritivos que reporta a inxestión dun ou doutro alimento. “Esta ferramenta resulta moi útil para avaliar e analizar a composición de dietas individuais e de colectivos de poboación, así como para definir pautas de alimentación saudábeis e incluso para o deseño de dietas acaídas para persoas con algún tipo de patoloxía específica”, explican dende a Universidade de Santiago, destacando tamén que un dos elementos diferenciais que presenta Nutrium respecto doutras aplicación semellantes existentes no mercado é “que permite aos usuarios incorporar novo alimentos aos xa incluídos no seu amplo catálogo”.

PUBLICIDADE