A USC fai entrega de lectores de e-book sorteados entre usuarios da Biblioteca Universitaria
xoves, 9 de xullo do 2009
- Acto de entrega dos lectores de e-books
A Universidade de Santiago de Compostela vén de facer entrega
dos dispositivos de lectura de libros electrónicos ou e-readers que sorteaba con motivo da campaña Fai que a túa opinión conte!, na que participaban alumnos e alumnas
da entidade, coa fin de dar a coñecer o seu grao de satisfacción cos servizos
da biblioteca universitaria.
As estudantes Olalla Calvo Míguez, Paula
Vázquez Ramos e o Persoal Docente e Investigador, Manuel Pereiro López, Mª del
Carmen Rodríguez Pérez e Mª Dolores Cadabal Sanpedro, foron as cinco persoas
seleccionadas pola institución académica para facerse co seu propio lector de
libros electrónicos e poñerse ao día no tocante á lectura en liña, un sector en
fase de despegue no noso país, que entra con bo pé nos campus galegos, sendo “unha das apostas do futuro da biblioteca
universitaria”.
- O sorteo realizouse informaticamente na secretaria xeral da USC ante a presenza de Isabel García-Rodeja, María Isabel Casal, Carlos Gómez e o persoal da secretaría
O sorteo tivo lugar en San Xerome, e
contou coa presenza da secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja, así como
coa da directora da Biblioteca Universitaria, María Isabel Casal e do
secretario xeral adxunto, Carlos Gómez Otero.
A enquisa, que se podía cumplimentar
dende o 23 de abril ata o 8 de maio a través da web, estaba dirixida a
profesores, investigadores, alumnos e persoal da administración e servizos, e tiña
como finalidade avaliar a opinión dos usuarios da biblioteca universitaria e
recompilar información que lle permitira aos responsables da mesma, “detectar as oportunidades de mellora deste
servizo, imprescindibles para emprender accións que aumenten a súa calidade”.
Porén esta non é a única acción en torno
á lectura virtual que levou a cabo a entidade académica Compostela no último
periodo, xa que, segundo vén de anunciar o xornal dixital, El Correo Gallego, a
USC “reafirma a
súa aposta pola innovación tecnolóxica incluíndo nos seus servizos
ofertados, un catálogo de libros e revistas electrónicas”.
Estes poden ser consultados de balde polo
alumnado e o persoal docente e administrativo a través da súa web, o cal, xunto
coa creación masiva na Rede de portais dedicados á venda e distribución de
libros electrónicos, permite que os afortunados gañadores dos e-books, poidan acceder a unha chea de
contidos en liña por un investimento mínimo ou simbólico.