A USC e a Deputación de Lugo volven xuntar forzas para captar talento e fomentar a I+D
mércores, 13 de febreiro do 2019
- De esquerda a dereita, Valcárcel, Méndez, López e Campos, no lugués Pazo de San Marcos
A
Deputación de Lugo vén de dar unha nova mostra de apoio á
Universidade de Santiago, cuxo campus na cidade da Muralla é un
referente en excelencia formativa e investigadora. Segundo veñen de
informar as dúas entidades, a
entidade provincial vai financiar con 350.000 euros o desenvolvemento
de accións formativas, de divulgación, de emprendemento e de I+D.
Amais, vanse impulsar accións para captar novo talento no Campus de
Lugo.
Estes
e outros datos foron dados a coñecer con motivo do convenio
ratificado entre o reitor da USC, Antonio López, e o presidente da
Deputación, Darío Campos, un acordo que “prolonga a xa estreita
colaboración entre as institucións”, sinalaron, e que se
materializou estes catro anos en cinco millóns de euros investidos
da man da entidade provincial.
Na
cita tamén participou a alcaldesa, Lara Méndez, quen lembrou que “o
apoio das administracións políticas lucenses ao campus é total”,
engadindo que a cidade universitaria lucense ten “unha vital
importancia para a sociedade local, como o proba o feito de que a súa
actividade está a xerar na actualidade un volume de negocio
aproximado de tres millóns de euros”.
Pola
súa banda, o reitor, Antonio López, que estivo acompañado pola
vicerreitora de Coordinación do Campus, Montserrat Valcárcel,
reiterou publicamente o agradecemento da USC ás institucións
políticas luguesas polo seu “importante e xa dilatado apoio”.
O
novo acordo de colaboración asinado entre a USC e a Deputación
Provincial de Lugo para o exercicio académico 2018-19 contempla
entre outras cousas un plan de bolsas para sufragar a metade dos
gastos de matrícula de estudantes de primeiro curso en títulos de
grao con problemas de demanda. Ademais desta medida, inclúense tamén
actividades diversas para promover Lugo como como cidade
universitaria, favorecendo a súa progresiva internacionalización.
Neste punto, está previsto pór en marcha actividades que melloren o
coñecemento e a capacitación da lingua inglesa tanto do colectivo
docente e investigador como do resto do persoal do Campus de Lugo, a
fin de favorecer así a captación de más alumnado internacional.
O
apoio á realización das prácticas de campo do alumnado
(actividades curriculares encamiñadas a potenciar a formación do
alumnado de títulos de grao, e tamén dos universitarios sénior),
constitúe outro dos cometidos recollidos neste convenio, a través
do que a Deputación de Lugo habilita unha partida orzamentaria duns
40.000 euros para o mantemento e potenciación dos posgraos e
mestrados impartidos pola USC no Campus de Lugo.
Amais,
o acordo abrangue o impulso da docencia semipresencial e a distancia
a través da implantación de equipamentos e servizos tecnolóxicos
acaídos para, en palabras da USC e a Deputación, “atender e dar
resposta á crecente demanda experimentada neste eido”.
Por
outra banda, porase o foco no fomento da divulgación científica e
académica e na captación de novos talentos, a través de
iniciativas xa consolidades como o son A Ponte entre o Ensino Medio e
a USC, XuvenCiencia, DivulgaTerra, e tamén mediante a organización
de congresos, seminarios ou charlas. O programa inclúe ademais
importantes achegas económicas destinadas ao mantemento e á mellora
das infraestruturas deportivas, docentes e culturais da sede
universitaria luguesa.