A USC e a Biblioteca Virtual Cervantes porán en marcha o portal da Cátedra Valle-Inclán

venres, 24 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

A Universidade de Santiago e a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes veñen de unir forzas para sentar os alicerces da páxina web institucional da Cátedra Valle-Inclán. O acordo entre ámbalas partes, que foi dado a coñecer este venres dende o Colexio de San Xerome, implica labores como a posta en marcha do dito portal e o seu aloxamento (no espazo web da Biblioteca), amais da súa permanente actualización con contidos vinculados á Cátedra. Por exemplo: repertorios, textos literarios, fotografías ou ilustracións, así como recursos bibliográficos e documentais do Grupo de Investigación Valle-Inclán da Universidade.
Máis no plano xenérico, a gran finalidade deste achegamento é promover a realización de actividades de investigación e divulgación deste patrimonio literario e bibliográfico. Segundo explicaron durante a sinatura do acordo os responsables de ámbalas partes, do que se trata é de tirar partido da Cátedra para facer máis doado o acceso aos textos deste ente entre a comunidade hispanofalante e a través da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
Sinalar que a Cátedra Valle-Inclán é unha institución creada en 2002 a través dunha iniciativa conxunta da USC e o Concello e co obxectivo de potenciar o labor levado a cabo polo Grupo de Investigación do mesmo nome (GIVIUS) dende 1998. O ente está adscrito arestora ao Vicerreitorado de Investigación e Innovación da USC.

PUBLICIDADE