A USC convoca en YouTube un concurso de vídeos para combater a crise climática

luns, 24 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

A USC vén de presentar un concurso de vídeos en YouTube para loitar contra o quecemento da Terra, mobilizar conciencias, crear fronte social e promover alternativas e remedios efectivos ao problema. O certame, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL), chámase Cambio climático e nós e ten o obxectivo concreto de “sensibilizar ao alumnado das universidades galegas, así como ao de ESO, BAC e FP, sobre a ameaza que representa o quecemento da Terra”.
O concurso tamén se convoca con outra finalidade complementaria e cunha firme vontade de acción futura: favorecer unha reflexión sobre a crise do clima e dotar á mocidade de coñecemento, recursos e motivacións para comprender e abordar os obxectivos de desenvolvemento sustentábel (ODS) da Axenda 2030. Ademais, xorde coa arela de propiciar un cambio de hábitos radical.
O prazo de presentación de candidaturas do certame ficará aberto ata o 24 de abril de 2020. As persoas interesadas en participar deberán presentar, a través dunha canle de Youtube, un vídeo inédito en galego sobre o cambio climático e dun máximo de 2 minutos de duración, tal e como se recolle nas bases do concurso.
“O cambio climático converteuse nunha da maiores ameazas para a humanidade e xa comezamos a percibir as súas consecuencias”, sinalan dende os departamentos organizadores engadindo que entre as moitas evidencias atópanse o aumento da temperatura global, o desxeo nos polos ou a suba do nivel do mar, ao que cómpre sumar outros impactos económicos e sociais, tales como as secas e outros fenómenos meteorolóxicos extremos, os mega-incendios, os danos nas colleitas...
Categorías e premios
O concurso contempla dúas categorías, unha dirixida ás comunidades universitarias do Sistema Universitario Galego (UDC, USC e UVigo), e outra, a todo o alumnado galego de secundaria (ESO, Bacharelato e FP). Malia que hai liberdade no enfoque da temática, valoraranse moito “aquelas pezas presenten posíbeis solucións para contribuír a combater o cambio climático”. A orixinalidade e corrección científica da proposta, a calidade técnica (imaxe e son) e a corrección lingüística son outros parámetros que se terán en conta.
A proposta gañadora na categoría de comunidade universitaria recibirá como agasallo un premio en metálico por valor de 500 euros, mentres que o premio para a categoría de alumnado preuniversitario será de 250 euros. Os galardóns entregaranse o 15 de maio de 2020 nun acto público que se desenvolverá na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo e no marco do que un científico ou científica galego de referencia ofrecerá un relatorio sobre os efectos a crise climática e sobre medidas para freala.

PUBLICIDADE