A USC convoca a oitava edición do certame #TEDSaúde
venres, 25 de agosto do 2023
A USC
convocou unha nova edición (a oitava) do certame #TEDSaúde, un
concurso que premia o traballo de lexendado (subtitulado)
de vídeos TED de ciencias da saúde ao galego e que en 2023 cumpre a
súa oitava edición. O obxectivo é “estimular o uso do galego na
área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos
divulgativos en galego en novos soportes neste eido”.
Promovido pola Vicerreitoría de Transformación
Dixital e Innovación, a través do Servizo de Normalización
Lingüística (SNL) e co apoio das comisións de normalización
lingüística das facultades de Ciencias, Enfermaría, Farmacia,
Medicina, Óptica, Psicoloxía e Veterinaria da USC, o concurso
#TEDSaúde contempla dúas modalidades de participación, unha
dedicada a integrantes da comunidade universitaria (alumnado, PDI e
PAS) durante o curso 2022-23 (modalidade A) e outra destinada a
persoas alleas á USC (modalidade B). En ambos os casos, a inscrición
pode ser realizada ata o 30 de setembro a través dun formulario
en liña. Tras ter efectuado a matrícula, as persoas inscritas
recibirán as instrucións para a subtitulación en galego dun vídeo
TED que poderán entregar ata o 4 de novembro.
As bases
de participación do VIII Concurso de subtitulación de
vídeos TED de ciencias da Saúde ao galego están dispoñibles na
web
do SNL, que tamén contén ligazóns ás listas de
reprodución cos vídeos cuxa subtitulación ao galego foi premiada
nas sete edicións anteriores.
TED (do inglés, Technology, Entertainment,
Design) é unha organización sen ánimo de lucro dedicada ás
“ideas dignas de difundir” e amplamente coñecida polo seu
congreso anual e as súas charlas TED Talks, que cobren un amplo
espectro de temas como ciencias, arte, deseño, política, educación,
cultura, negocios, asuntos globais, tecnoloxía, desenvolvemento e
lecer.
As persoas inscritas no concurso e pertencentes á
comunidade universitaria (alumnado, PDI e PAS) poden participar nun
obradoiro de subtitulado que se desenvolverá os días 3 e 4 de
outubro de 2023 entre as 16.30 e as 18.30 horas a través de
Microsoft Teams. A inscrición, de balde, debe realizarse a través
da
Secretaría Virtual da USC. Todas as persoas que participen no
obradoiro e entreguen os seus subtítulos antes da data límite
recibirán un diploma de asistencia á actividade, así como unha
constancia da experiencia de tradución e lexendado.
Premios
O xurado do certame concederá tres premios na
primeira das modalidades, con contías de 300, 250 e 200 euros para
os tres mellores traballos. Na segunda das modalidades, dirixida a
persoas alleas á USC, as participantes competirán por dous premios
de 300 e 150 euros para as propostas que fiquen en primeiro e segundo
lugar, respectivamente. As persoas gañadoras de ambas as modalidades
recibirán ademais un diploma honorífico. A resolución co ditame do
xurado publicarase no taboleiro electrónico da USC.