A USC acollerá en 2009 o encontro sobre TICs nas universidades máis prestixioso do eido internacional

mércores, 29 de novembro do 2006 Raquel Noya

A Universidade de Santiago (USC) converterase en 2009 na gran plataforma europea de debate sobre o presente e o futuro das redes académicas de información. Así o fixo saber os días pasados o Consello de Dirección de EUNIS, tras unha asemblea celebrada en Amsterdam na que se acordou o seguinte: a institución educativa compostelá cumpre sobradamente con tódolos requisitos necesarios para albergar a Conferencia Anual da European University Information Systems (EUNIS).
Estas circunstancias “especialmente valoradas” da USC, que por certo será a primeira universidade do estado que acolla este encontro, baséanse sobre todo no seu compromiso co emprego das novas tecnoloxías e na súa experiencia nunha longa listaxe de foros internacionais relacionados coas novas plataformas.
Dende o ano 1995, a Conferencia Anual celebrouse en Inglaterra (Manchester), Alemaña (Dusseldorf e Berlín), Francia (Grenoble), República Checa (Praga), Finlandia (Helsinki), Polonia (Poznan), Portugal (Porto), Holanda (Amsterdam), Eslovenia (Ljubljana) e finalmente Tartu (Estonia) na edición do presente ano 2006. En anos próximos, a Conferencia Anual celebrarase en Grenoble (2007), Aarhus (2008), Santiago de Compostela (2009) e Varsovia (2010).
Segundo informa estes días a propia USC, a Conferencia Anual de EUNIS é a xuntanza mais importante (a nivel internacional) de reflexión sobre os asuntos vinculados ao desenvolvemento e utilización das TIC nas universidades. A última edición de Tartu acolleu a máis de 300 expertos de diferentes eidos da tecnoloxía.

PUBLICIDADE