A USC achega un seminario sobre as posibilidades empresariais do blockchain

mércores, 5 de agosto do 2020 S. P.

A Universidade de Santiago vai achegar un seminario baseado nunha das tecnoloxías de meirande proxección, hoxe en día, para acadar unha Rede segura e de confianza para todo tipo de operacións, transaccións e comunicacións: a tecnoloxía de cadea de bloques. Trátase do seminario A formación en blockchain: o futuro xa está aquí, impartido polo grupo de investigación GAME-IDEGA da USC, ao abeiro do proxecto internacional DLT4All. Para quen non o saiba, a tecnoloxía de cadea de bloques consiste basicamente en libros de contabilidade electrónicos para seren compartidos abertamente por moreas de usuarios e que gravan todas as transaccións que se apuntan neles e sen que haxa xeito de modificalas. Teñen unha gran utilidade para o uso de moedas virtuais ou para facer seguimento exhaustivo de produtos.
O obxectivo deste encontro é presentar o currículo elaborado por DLT4All e os casos de estudo asociados ao programa, así como proporcionar información sobre os diferentes cursos piloto que se desenvolverán de xeito aberto e gratuíto a partir do próximo mes de setembro.
O evento, moderado por Manuel Fernández Grela, do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e participante no proxecto, conta ademais con profesionais de perfís diversos como o presidente de AGALBIT (Asociación Galega de Blockchain e IoT), Antonio Comesaña; o xerente do Clúster de Madeira e o deseño de Galicia, Ricardo González; e o especialista en blockchain de The Telescope CTIC, Emilio Tereñes, que presentarán casos de uso da tecnoloxía relacionados coa rastrexabilidade de dos produtos nas cadeas de valor. A inscrición neste evento pode formalizarse nunha ligazón xa habilitada.
O proxecto DLT4All pretende crear un programa de ensino universitario baseado no blockchain que posibilite impartir formación de alta calidade neste eido en concreto tanto na USC como noutras universidades europeas. Fernández Grela sinalou que o obxectivo é “involucrar aos beneficiarios potenciais do programa nun proceso de co-creación do seu deseño, elaborado tanto dende a universidade como dende o mundo no que se manexan estas tecnoloxías, para que o produto educativo final se axuste á demanda e necesidades dos emprendedores e investidores”.

PUBLICIDADE