A USC achega suplementos temáticos galegos para os correctores ortográficos

luns, 27 de maio do 2019 Redacción

A Universidade de Santiago, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística, está a mellorar as funcionalidades e o alcance dos correctores ortográficos, co fin de evitar que se marquen como incorrectas (subliñadas en vermello) palabras correctamente redactadas de uso común nos eidos científicos, tecnolóxicos, sociais, empresariais ou relacionado co dereito (termos como “autoemprego”, “monoparental” ou “minicentral”, entre outras moitas).
Segundo informa a USC, hai unha manchea de palabras de uso común que non son marcadas polos correctores debido a posíbeis erros na escrita, senón que nunha chea de ocasións aparecen subliñadas por causa das propias limitacións da ferramenta informática, uns recursos que traballan a partir dunha listaxe interna de palabras (dicionario) consideradas correctas coa que comparan os textos que revisamos. Así, se un termo non figura na base de datos, márcase como sospeitoso (normalmente subliñada en vermello) e ofrécense alternativas para substituíla.
Os traballos realizados polo Servizo de Normalización Lingüística teñen a súa orixe nas demandas e dúbidas dos usuarios dos ditos correctores ortográficos sobre textos galegos. “Ocorréusenos que poidamos aproveitar a terminoloxía técnica compilada en bUSCatermos para incorporala aos dicionarios dos correctores aproveitando a posibilidade de suplementalos por medio de dicionarios personalizados”, sinalan dende o dito departamento, engadindo que o que se fixo foi elaborar suplementos temáticos (polo de agora, dos ámbitos de Dereito e de Economía e Empresa) que se instalan como dicionarios personalizados nos paquetes ofimáticos MS Office e LibreOffice. “Ao integraglos e activalos engádenselle á lista de palabras que o corrector considera axeitados varios milleiros de termos técnicos de cada un deses ámbitos, o que evitará que sexan marcadas como sospeitosas cando se utilicen nun documento”, explica o Servizo de Normalización.
Para o contorno Windows os suplementos ofrécense a través dun instalador que simplifica ao máximo o proceso de instalación e activación. Para outros contornos (distribucións Linux, iOS...) cómpre que as persoas interesadas descarguen e instalen manualmente os ficheiros dos respectivos dicionarios. Todo este conxunto de material difúndese coa licenza CC BY-SA 4.0 e pódese descargar libremente desde esta páxina dende a páxina do Servizo de Normalización Lingüística.

PUBLICIDADE