A UNESCO inscribe o programa Ponte...nas Ondas! no seu Rexistro de Boas Prácticas

xoves, 1 de decembro do 2022 S. P.

Ponte... nas Ondas!, a candidatura conxunta de Galicia e Portugal, acadou un importante recoñecemento en Rabat: a súa inclusión no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO, unha distinción que só obtiveron este xoves 1 de decembro catro propostas a nivel internacional. Como lembraremos, Ponte... nas Ondas! é unha iniciativa compartida de dous países irmáns, Galicia e Portugal, para preservar os seus tesouros inmateriais a través das novas canles de difusión, poñendo o foco en formatos innovadores e colaborativos (principalmente podcast, espazos web, audiovisuais ou redes sociais, entre outros).

A decisión foi aprobada este 1 de decembro no 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial en Rabat (Marrocos), onde o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, encabezou a delegación galega acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez. Rodríguez celebrou como “un gran logro para Galicia a entrada do programa educativo Ponte...nas Ondas! no Rexistro de Boas Prácticas da UNESCO”. Trala votación positiva da proposta conxunta de Galicia e Portugal, o responsábel autonómico de Cultura destacou que “a decisión supón un gran triunfo para todos os galegos e para o noso sistema educativo, xa que unha iniciativa nacida nas aulas galegas será un exemplo para todo o mundo”. Amais, deu os parabéns aos promotores “polo traballo ben feito” e engadiu que isto é “un éxito seu e un recoñecemento ao traballo feito por todos os profesores e alumnos que ao longo de 27 anos participaron nesta iniciativa”. O conselleiro tamén salientou que se trate da primeira vez que Galicia recibe este recoñecemento por parte da UNESCO.

Rodríguez engadiu que o proxecto distinguido é tamén “un exemplo de convivencia en zonas transfronterizas” e “pode servir para mellorar o entendemento en rexións en conflito”, tal e como resaltou a UNESCO no eloxioso informe que emitiu previamente á avaliación. Así mesmo, tamén agradeceu a implicación dos embaixadores de España e Portugal na Unesco, José Manuel Rodríguez Uribes e Rosa Batoréu, e do director xeral de Belas Artes, Isaac Sastre e do resto de altos cargos do Ministerio de Cultura e Deporte na tramitación deste expediente.

Ademais dos representantes da Xunta de Galicia, neste encontro mundial en Rabat tamén participaron por parte de Ponte...nas Ondas! Santiago Veloso, profesor e coordinador da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas!, que agradeceu no Comité a inscrición; Chus Álvarez, profesora; Dolores Gómez, portadora; Xerardo Pereiro, profesor e antropólogo; Esmeralda Carvalho, profesora; Xerardo Feijoo, profesor; João Manuel Gonçalves, portador, e Álvaro Campelo, profesor e antropólogo.

Un modelo de ensinanza referente

O programa Ponte... nas Ondas!, impulsado pola asociación cultural e pedagóxica co mesmo nome que coordina o profesor Santiago Veloso, naceu hai 27 anos nos centros educativos do sur de Pontevedra e do Alto Minho e desde entón non deixou de medrar co obxectivo de salvagardar o patrimonio cultural inmaterial na fronteira portuguesa-galega mediante a creación de espazos nos que o patrimonio pode practicarse e transmitirse ás xeracións máis novas.

O proxecto é unha iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros de ensino da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Ten o apoio tamén da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura), de cuxa colaboración teñen abrollado iniciativas como o Certame de Podcasts en Galego Xosé Mosquera Pérez (O Vello dos Contos) ou outras iniciativas que poñen o foco nas novas ferramentas dixitais.

PUBLICIDADE