A UNED e o CIA de Ourense pechan o ciclo de relatorios de alto nivel sobre Intelixencia Artificial

venres, 28 de maio do 2021 S. P.

O investigador da UNED Martín Arevalillo impartiu este 28 de maio a última conferencia do ciclo que esta Universidade (a través do Vicerreitorado de Investigación e Transferencia) deseñou para Ourense (o Centro de Intelixencia Artificial) sobre ciencia de datos e tecnoloxías avanzadas de análise da información (o ciclo Os Venres con IA). Clausuraron o programa os directores do Centro de IA de Ourense, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da UNED e de UNED Ourense, augurando “unha colaboración frutífera para abrir camiños neste eido”.
Martín Arevalillo centrou o seu relatorio no potencial da analítica de datos e a Intelixencia Artificial para o ámbito dos negocios. Sinalou que nos últimos anos “estamos a ser testemuñas dunha revolución tecnolóxica que está a transformar o mundo en que vivimos; a dixitalización dinamizou os procesos de cambio da sociedade do século XXI cara a un novo escenario gobernado pola información e os datos”. Segundo fixo saber, nesta contorna de cambio “as distintas organizacións e actores económicos víronse ante a necesidade imperiosa de impulsar medidas para a reconversión das súas estruturas operativas, a fin de adaptalas a esta nova contorna no que o dato é un activo que cotiza á alza”.
Na conferencia impartida en Ourense examinou o fenómeno da explosión do dato, “que nos gusta denominar o big bang dos datos, facendo fincapé no papel protagonista que desempeña a Ciencia de Datos ante o desafío analítico de transformar as unidades de información en solucións que poidan ser aplicadas polas organizacións, tanto públicas como privadas, a modo de panca de cambio para a eficiencia e a mellora competitiva”.
O relator debullou casos de éxito empresarial en materia de aplicación de algoritmos matemáticos desenvolvidos pola investigación en Ciencia de Datos, dous proxectos de transferencia de tecnoloxía avanzada para a banca comercial: “Ambos os casos poñen de manifesto que a transferencia da investigación académica é rendíbel e retorna valor”, dixo.
A clausura
Na clausura deste ciclo, o director do Centro de Intelixencia Artificial de Ourense, David Olivieri, dixo que a xornada deste venres 28 marca “un fito importante na traxectoria do noso centro. Hoxe clausuramos o II ciclo de seminarios en colaboración coa UNED. As charlas non só foron interesantes a nivel intelectual, senón que tamén serviron como punto de partida para unha colaboración en traballos e proxectos reais no futuro. O froito de coñecer algúns traballos que fixeron distintos grupos de investigación da UNED no ámbito de IA permítenos atopar direccións en común”. E engadiu: "Aínda que estamos a pechar este ciclo de seminarios, isto é un comezo dunha relación produtiva".
O director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática, Rafael Pastor Vargas, agradeceu a Jesús Manuel García e a David Olivieri “o traballo realizado durante esta época tan convulsa de pandemia na organización do ciclo de conferencias. Debo agradecerlles de maneira especial que pensen e conten coa Escola de Informática da UNED e permitíronnos mostrar nestas conferencias a calidade do traballo de investigación e innovación que fan os diferentes departamentos e grupos de investigación da Escola”.
Pola súa banda, o director de UNED Ourense, Jesús Manuel García Díaz, sinalou que a Universidade Nacional a Distancia é unha das institucións que se comprometeron seriamente co Concello de Ourense a participar no proxecto local do Centro de Intelixencia Artificial: “Sempre coa bandeira do coñecemento e a ciencia por diante, a UNED preparou para esta cidade un seminario de alto nivel, tanto científico como divulgativo, segundo o tema a tratar. Todos os relatores son grandes investigadores en IA da Universidade a Distancia e deixáronnos o listón alto cos seus proxectos e investigacións punteiras”.
Segundo lembrou, “este ciclo tivo unha primeira fase dotada de 4 relatorios e 9 na segunda. Faláronnos de IA aplicada ao medicamento, ao deporte, á Axenda 2030, á tradución automática, aos vehículos autónomos; faláronnos dos algoritmos evolutivos e as súas aplicacións; tamén de IA en contornas educativas e sociais así como o rumbo en sistemas de avaliación. Expúxose coñecemento e abríronse portas para contactos e para colaboración científica”, rematou García.

PUBLICIDADE