A UDC salienta o valor tecnolóxico e social dos seus proxectos recoñecidos por AMTEGA e Trasno
venres, 14 de decembro do 2012

- Un dos moitos distintivos posibles de KDE
A UDC vén de obter un recoñecemento por partida dupla, máis polo
miúdo dous investigadores que desenvolven o seu labor na institución
educativa. Como
informamos hai uns días dende Código Cero, o Premio ao Mellor
Proxecto Fin de Carreira con Software Libre, convocado este ano pola
axencia AMTEGA, foi dar ao investigador vinculado á Universidade da
Coruña José Millán Soto, pola seu traballo Soporte
de Accesibilidade nas Aplicacións KDE.
Segundo nos conta a UDC, ampliando a
información que achegamos o outro día, estamos ante un proxecto que
ten como obxectivo
dotar ao contorno de KDE das capacidades básicas de accesibilidade
das que carecía, empregando como referencia os aplicativos Dolphin
(xestor de ficheiros), Kmail (xestor de correo) e Kopete (xestor de
mensaxería instantánea).
Deste xeito,
afianzaríase a posibilidade de que fosen empregadas as ditas
capacidades para un amplo colectivo de persoas con diversidades
funcionais ou motrices que, polas razóns que sexan (as máis das
veces por mor dos estándares excluíntes da industria), non atopan
as máis idóneas condicións de uso nas ferramentas informáticas. O
traballo de José Millán ten o valor duplo de mellorar ferramentas
de uso común e, ademais disto, de favorecer a inclusión dixital a
tódolos niveis. De feito, encamíñase directamente a optimizar e
reforzar o compoñente de accesibilidade de KDE.
Como
lembraremos, o galardón que recibe José Millán ten unha dotación
económica de 1.000 euros.
Por
outra banda, lembrar tamén que a Asociación Cultural Trasno,
colaboradora da iniciativa, outorgou a Mención
especial á promoción da lingua galega nas TIC,
dotada con 800 euros, a Leandro Regueiro Iglesias da Universidade da
Coruña polo proxecto Terminator:
aplicativo para a discusión colaborativa de terminoloxía utilizando
tecnoloxías Web 2.0 e a infraestrutura de desenvolvemento web
Django.
Segundo nos pon ao tanto a Universidade da Coruña, trátase dunha
aplicación web para a creación colaborativa de terminoloxías e
glosarios multilingües que permitan realizar consultas de maneira
rápida e sinxela, exportar ao formato estándar para o intercambio
de terminoloxía TBX (TermBase eXchange), que pretende cubrir unha
das necesidades específicas da comunidade galega de tradutores de
software libre pero con utilidade segura para outras comunidades e
idiomas. Arestora, engade a UDC, o desenvolvedor está en contacto
coa comunidade do proxecto Translate toolkit & Pootle para
incluír a súa ferramenta en dita comunidade.
O
Premio ao Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre, que vai
pola súa V edición, foi creado no 2007 pola empresa
galega Igalia, tras detectar unha importante carencia de
profesionais especializados neste área, informou esta mesma semana a
axencia AMTEGA, que decidiu coller este ano a testemuña, por vez
primeira, e darlle un novo pulo á convocatoria integrando nel “aos
distintos axentes
do ecosistema do software libre galego seguindo a mesma
estratexia global e integradora transversal a todas as actuacións do
seu Plan de Software Libre”,
engade a Axencia. Contouse polo tanto co patrocinio da empresa Igalia
e da Asociación Cultural Proxecto Trasno, e coa participación e
colaboración das tres universidades galegas, de AGASOL, e das
asociacións galegas de usuarios de Software Libre GALPon, Ghandalf,
GPUL, Melisa e Trasno.
