A UDC pon en marcha un título propio de Máster en Innovación e Dixitalización Financeira

venres, 19 de xullo do 2024 S. P.

A Universidade da Coruña (UDC) ofertará por primeira vez no curso 24/25 o Máster en Innovación e Dixitalización Financeira, unha proposta formativa dirixida a dotar do coñecemento necesario para abordar os retos das finanzas dixitais. Ademais da aprendizaxe dos procesos financeiros, engadirase o ensino das tecnoloxías que dan soporte á área financeira como Power BI, SQL, IA ou o software de xestión empresarial e financeira SAP, que proporciona solucións integrais para loxística, inventarios, distribución e finanzas, e é empregado a día xe hoxe polas principais firmas a nivel mundial.
O mestrado posibilita a obtención de dúas titulacións: a Certificación como Consultor SAP e a titulación de Máster da UDC en Innovación e Dixitalización Financeira.
Neste contexto é no que xurde a organización deste máster en finanzas dixitais, organizado pola UDC en colaboración con grandes empresas, como PwC, Deloitte, KPMG, Accenture, Minsait, Corporación Hijos de Rivera, Inditex e Abanca. O mestrado, de 450 horas de formación, contará cunha bolsa de prácticas remuneradas nas empresas colaboradoras.
Cun total de 23 prazas, toda a información sobre este mestrado que dará comezo o 14 de outubro de
2024 pode consultarse xa na web masterfinanzasdigitales.udc.es. O período de inscricións abrirase o próximo 22 de xullo e finalizará o 22 de setembro.
A Coruña, referente TIC
Na Coruña, sede de ao redor de 700 empresas do sector TIC (27% do total de Galicia), tense configurado un ecosistema tecnolóxico moi relevante. Na actualidade, o conxunto formado polo CITIC, a Cidade das TIC e a AESIA, constitúe un referente do sector, tendo á Universidade da Coruña como un dos principais aliados para a formación e atracción do talento demandado por ese ecosistema empresarial TIC.