A UDC apoia o desenvolvemento de cinco firmas tecnolóxicas postas en marcha polos seus estudantes
xoves, 3 de novembro do 2011- Galebook, vella coñecida de Código Cero, é unha das iniciativas salientadas pola Universidade da Coruña
A Universidade da Coruña amosou
este xoves, oficialmente e perante os medios, o seu apoio a un total de cinco
novas empresas creadas por estudantes formados ao seu abeiro e que desenvolveron
ou desenvolverán a súa actividade no Viveiro de iniciativas de mercado que mantén
a institución académica galega. Dáse a casualidade de que estamos a falar de
cinco iniciativas que, en maior ou menor medida, teñen relación directa coas
novas tecnoloxías, é o caso de Avansig,
especializada en enxeñaría informática, ou Galebook, a editora de libros galegos
que tamén opera como comunidade 2.0. Nesta liña TIC tamén se insiren Teimas, firma de base
tecnolóxica que desenvolve a súa actividade no sector medioambiental, e máis Trileuco Solutions, que
fornece servizos integrais de consultoría e solucións tecnolóxico-dixitais.
As devanditas empresas, máis Goovent
(especializada na organización de todo tipo de eventos), recibiron da man do
reitor da UDC, José María Barja, os primeiros certificados de Empresas
Asociadas da Universidade da Coruña. “Este
acto fai visible moito do traballo que se está a facer en transferencia de
coñecemento da Universidade da Coruña á sociedade”, dixo o reitor. Representantes
das ditas firmas recolleron o documento que acredita durante tres anos a
vinculación entre a entidade académica e os proxectos empresariais, nun acto no
que tamén estiveron o vicerreitor de Ferrol, Luis Barral, e máis a directora da
Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI), Pilar Pintor.
Estas empresas, sinala a UDC, foron creadas por titulados da Universidade
que contan ademais con persoal saído das aulas coruñesas e, mesmo, nalgún caso,
o desenvolvemento do seu proxecto empresarial implica a contratación de
investigacións na propia universidade. O reitor, neste senso, lembrou o
importante labor desenvolvido no Viveiro de empresas desde a súa creación no
ano 2004 que sitúa á UDC “na primeira
liña das universidades españolas”. Barja desexoulles aos emprendedores
moito éxito coas súas iniciativas. Pola súa parte, os novos empresarios
salientaron “a axuda prestada pola
Universidade da Coruña sen a cal non existirían como empresas”. E
engadiron: “É unha axuda real que moitas universidades non teñen”.
A Universidade informa sobre
o traballo do Viveiro
O Viveiro de empresas da UDC ofrece aos membros da comunidade universitaria
que teñan
unha iniciativa empresarial de base tecnolóxica ou de transferencia de
resultados de investigación, un local e acceso a redes e servizos comúns
durante dous anos, ademais de dar formación empresarial e asesoría na busca de
financiamento para desenvolver a idea empresarial. Os proxectos son avaliados
aos nove meses para asegurar a súa viabilidade comercial. Ata o momento,
pasaron polas instalacións da incubadora universitaria preto de 40 iniciativas
empresariais.