A UDC activa un curso de posgrao sobre protección de datos

mércores, 13 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vai completar a súa oferta formativa con capacitación específica e pormenorizada sobre salvagarda da información e a privacidade ao abeiro das novas tecnoloxías. Así o deu a coñecer hoxe a UDC, que xuntou forzas co Colexio de Avogados (ICACOR), a Deputación da Coruña, a Asociación Española de Compliance (ASCOM), e a empresa Telefónica para pór en marcha o que sería, en palabras da Universidade, o primeiro programa de formación de posgrao sobre compliance e protección de datos. A iniciativa fornecerá ao alumnado“dunha formación de calidade orientada cara o emprego”, amais dun título universitario propio de experta ou experto nas ditas materias.
O curso de especialización, que será presentado este 15 de febreiro nos seus detalles (na sede de ICACOR e da man da vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez Veiga), responde a unha situación ben concreta que achega unha serie de desafíos que debemos ter en conta: a situación xerada logo da recente entrada en vigor do Regulamento Xeral de Protección de Datos, que, entre outras cousas, obríganos (a persoas, empresas, entidades, organizacións) a ser moito máis exhaustivos e rigorosos na correcta xestión e protección da información persoal. Como consecuencia disto, lembra a UDC, creouse unha elevada demanda de profesionais expertos na dita temática, tanto por parte da empresa privada como polas distintas administracións públicas.
Este curso de posgrao iniciarase o 1 de marzo; a matrícula estará aberta ata o 22 de febreiro; e rematará o 21 de xuño. A docencia e os diversos obradoiros e seminarios impartiranse os venres pola tarde na Facultade de Dereito e os sábados pola mañá na sede de ICACOR. A Deputación da Coruña ofrecerá bolsas para os gastos de matrícula e das prácticas.

PUBLICIDADE