A UDC acolle o acto de presentación do Nodo de Intelixencia Artificial de DIHGIGAL

martes, 29 de novembro do 2022 S. P.

JPEG - 55.8 KB
A presentación do Nodo nunha imaxe da Cadena Ser

A Reitoría da Universidade da Coruña acolleu este martes 29 de novembro a presentación do Nodo de Intelixencia Artificial do Hub de Innovación Dixital de Galicia, DIHGIGAL, iniciativa coordinada pola UDC que constitúe unha das grandes apostas galegas polos sistemas intelixentes e a dixitalización. Ademais, vén con engadido extra de ser unha fronte diversa de actividade e de colaboración, formada por industrias, administracións, universidades e centros tecnolóxicos. En concreto, a idea é estreitar a unión de dous elementos clave da transformación dixital: por unha banda especialistas en Intelixencia Artificial (empresas, centros tecnolóxicos e de competencias) e pola outra, usuarias de IA (industrias).
Segundo se fixo saber, a UDC (xunto co ITG) será a entidade encargada de xestionar as actividades do hub: unha liña de acción que atinxe a preto de medio milleiro de empresas galegas. Entre os cometidos da universidade coruñesa atópanse os de dar soporte a novos proxectos avanzados de tecnoloxías con capacidade de xestionar, avaliar e rendibilizar grandes cantidades de datos e, tamén, procurar novos xeitos de financiamento para as iniciativas.
Participaron na presentación o reitor Julio Abalde, o director de DIHGIGAL, Francisco Yáñez, o director de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo, o director da área TIC no Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Óscar González, e a directora da área de Programas de Innovación da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Sabela Pardo.
Asistiron tamén o coordinador do Nodo IA de DIHGIGAL, Marcos Ortega, da UDC, e a xerente de DIHGIGAL, María Eugenia Mijares, amais de representantes de diversas entidades implicadas no Nodo como o Clúster TIC de Galicia, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Imatia, Bosch, FEUGA, KPMG, Inova, 4 Digital, 2 Espacios, Business Factory Aero e Food, entre outras.
Segundo fixeron saber, entre as principais liñas de actuación que serán responsabilidade do Nodo destacan as de facer visíbeis e apoiar proxectos en curso relacionados coa Intelixencia Artificial así como a busca de novas oportunidades de financiamento para proxectos innovadores coa tecnoloxía como eixo transversal. “Todo isto partindo das necesidades da industria e garantindo a materialización deses proxectos en avances na súa transformación dixital e nun aumento da competitividade das empresas a nivel global”, explicaron.
Departamento de solucións do sector empresarial
Este hub é, como definiu o reitor, “o departamento de solucións do sector empresarial”. Neste sentido, o Nodo de IA será o provedor de solucións en temas de Intelixencia Artificial para as empresas, pequenas e grandes, de Galicia, ademais de xogar un papel de dinamización e sensibilización en aspectos de IA na sociedade galega. O Nodo de IA, coordinado polo profesor da UDC, Marcos Ortega, exemplifica, segundo explicou Abalde, “como se entende a transferencia de coñecemento na UDC”, na que non se trata de investigar e desenvolver unha patente e ver como se aplica na industria, senón “co-xerar coñecemento conxuntamente entre a Universidade e as empresas”. O reitor puxo como exemplo desta filosofía a recente creación do Centro Mixto de Investigación UDC- Navantia para desenvolver o estaleiro 5.0.
Para o director de DIHGIGAL, a UDC “é unha das principais entidades de Europa en materia de Intelixencia Artificial”. Yáñez asegurou que Galicia ten un potencial tecnolóxico suficiente para ser un referente europeo en IA. O papel do hub que dirixe é dinamizar un sector xa de por si moi activo. Nos últimos meses, apuntou, a súa entidade contribuíu na dixitalización de máis de cen empresas, mobilizando máis de vinte millóns de euros.
Norberto Penedo, pola súa banda, declarou que a posta en marcha do Nodo en IA “é un punto de inflexión” e avanzou que a misión de DIHGIGAL é “necesaria para a innovación e dixitalización de Galicia”. Óscar González afirmou que este Nodo nace con fortalezas. Ademais das universidades e outros centros de coñecemento, ten empresas e infraestruturas como a Cidade das TIC “que vai potenciar este Nodo”, e persoal altamente cualificado, dixo. González apuntou o dato de que o 10% das pequenas e medianas empresas, pemes, xa utiliza algún tipo de solución baseada en Intelixencia Artificial, o que sitúa á Galicia como a quinta comunidade de España, por diante de País Vasco ou Andalucía. Sabela Pardo incidiu tamén na importancia da IA non só para o futuro senón para o presente e aproveitou para felicitar á Universidade da Coruña pola proposta da cidade para acoller a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial.
Dende 2019
DIHGIGAL naceu en 2019 como hub da industria de Galicia, aglutinando aos principais representantes de demanda e a oferta tecnolóxica (máis de 400 entidades, maioritariamente pemes, máis de 20.000M€ de facturación e máis de 50.000 empregos directos). O seu rol no impulso da transformación dixital da industria vén avalado polo seu recoñecemento como hub estratéxico pola Xunta de Galicia (2019), o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo (2021) e a Comisión Europea (2022). Dispón ademais dunha ampla rede de contactos internacionais entre os que destaca a súa pertenza ás principais redes europeas de datos (European Data Federation e Big Data Value Association) e de manufactura (EDIH-Manufacturing).

PUBLICIDADE