A UDC achega a folla de ruta da Cidade das TIC, o futuro polo tecnolóxico de Galicia
venres, 19 de xullo do 2024
A UDC celebrou onte o seu último Consello de Goberno antes do inicio do próximo curso académico 2024/2025, unha reunión que se celebrou na antiga Fábrica de Armas da Coruña, agora a Cidade das TIC, marco que serviu para detallar a situación actual do proxecto, os pasos dados nos últimos meses e para presentar a folla de ruta marcada para o futuro próximo deste novo complexo que promete ser un referente galego, estatal e europeo en investigación e emprendemento tecnolóxico-dixital.
O reitor da UDC, Ricardo Cao, fixo un balance de todas as actuacións desenvolvidas nestes meses polo novo equipo de Goberno da UDC con respecto á Cidade das TIC, proxecto para o que se ten creado un grupo de traballo no seo do equipo reitoral, encargado desta primeira análise e de dar seguimento a todas as actuacións que se vaian desenvolvendo a futuro.
“Precisabamos”, dixo Cao, “abordar os seguintes pasos con rigor e tendo claridade de todos os detalles deste proxecto ambicioso, complexo e que conta con diferentes actores implicados”.
Segundo sinalou, o diagnóstico realizado guinda unha primeira conclusión, que é “a necesidade de abordar unha actualización do proxecto, dado que o Plan Director inclúe prazos e previsións de ingresos que a inicios de 2024 quedaron desfasados”. Por tal motivo, engadiu, “fíxose necesaria unha revisión que permita adaptar a nova estratexia á realidade con sensatez e dándolle absoluta transparencia, tal e como se fixo esta mañá no Consello de Goberno, ao que se lle irá dando conta de cada un dos pasos esenciais que dea na conformación da Cidade das TIC”.
Tamén fixo saber que foi necesaria “non só unha profunda análise da situación existente de cada un dos proxectos previstos, senón tamén dunha rolda de diálogo coas diferentes administracións implicadas, que ten permitido clarexar moito a foto global da composición da Cidade das TIC”. Grazas a este esforzo, engadiu, “seremos quen de dar pasos máis certeiros, máis coordinados e ordenados, que permitan sentar as bases da expansión da Cidade das TIC e todo o ecosistema que debe xerar ao seu redor”.
O reitor recordou que agora mesmo a Cidade das TIC conta coas seguintes actuacións: o Galaxy Lab, centro de experimentación avanzada de Intelixencia Artificial; o Centro de Servizos Avanzados (CSA), un espazo de traballo e colaboración do sector TIC, en funcionamento e financiado con fondos do IGAPE; o Escenario Virtual impulsado pola Deputación da Coruña, e que ten as obras en marcha; o Centro de Formación Especializada, promovido pola Xunta de Galicia, actualmente en fase de redacción do proxecto; e por último, a creación de varios escenarios físicos, complementarios aos virtuais, promovidos por Pedralonga Estudios, unha agrupación de empresas do sector audiovisual de Galicia, iniciativa cuxa cesión de espazo na Cidade das TIC foi aprobada este 18 de xullo polo Consello de Goberno.
O informe presentado no Consello de Goberno recolle dous puntos esenciais no desenvolvemento das futuras actuacións. Por unha banda, a introdución do que se denomina condicións modais nos acordos de cesión de uso de espazo, figura que vén cubrir un baleiro existente até agora no que se refire ao retorno que debe ter a UDC nesas cesións, no seu papel de concesionaria dos terreos. Pola outra, o equipo reitoral informou que está a traballar na estrutura de gobernanza da Sociedade Xestora da Cidade das TIC, entendendo que a UDC é a entidade que debe ostentar o liderado do proxecto, no que se refire ao ámbito académico, científico e técnico.