A UCGAL reclama que as grandes plataformas dixitais compartan o custe de manter as redes de telecomunicacións

mércores, 10 de agosto do 2022 S. P.

ADECES (Asociación Pro Derechos Civiles, Económicos y Sociales), UCC (Unió de Consumidors de Catalunya-UCC), UCE-EUS (Unión de Consumidores de Euskadi) e UCGAL (Unión de Consumidores de Galicia), veñen de emitir un comunicado conxunto no que reclaman que as grandes plataformas dixitais (OTT) compartan coas persoas usuarias o custe de manter as redes de telecomunicacións.
A xuízo das asociacións, “as autoridades europeas non poden seguir mantendo un esquema de negocio no que son as persoas usuarias europeas as que sufragan o custo dos investimentos e do mantemento das infraestruturas de telecomunicacións”, mentres que as 6 grandes tecnolóxicas mundiais (Google, Meta, Netflix, Apple, Amazon e Microsoft) xeran o 57% do tráfico da internet. Trátase “dunha porcentaxe que continuará en ascenso polo incremento de usuarios, o aumento de calidade nos vídeos e o maior uso de datos na nube”, argumentan, engadindo que “tanto os servizos de pago como a monetización das aplicacións gratuítas requiren unhas redes axeitadas para poder prestar servizo de calidade a todos os clientes ou usuarios, incluídos os das plataformas”.
No comunicado lembran que de feito Amazon Web Services e Amazon Prime representan o 20% dos 470.000 millóns de dólares que factura Amazon e que en Apple os seus servizos de música, televisión e pago supoñen o 19% dos seus ingresos (366.000 millóns de dólares). Amais, tamén recordan que preto do 70% dos 258.000 millóns de dólares de facturación de Alphabet proveñen de Google, Youtube, Maps e Mail. A maiores, a nube, os xogos e Linkedin “supoñen máis do 46% dos 168.000 millóns de dólares que factura Microsoft”, explican, engadindo que Meta obtén arestora o 97% (118.000 millóns de dólares) dos ingresos por publicidade que atraen os seus 2.900 millóns de usuarios.
As devanditas entidades de consumidores fan saber no seu comunicado que “de non abordarmos a contribución das grandes plataformas tecnolóxicas ás infraestruturas de telecomunicacións europeas” van producirse algunha ou todas estas consecuencias:
-Os usuarios europeos seguirán sufragando unhas redes que requiren cada vez de maior investimento, por tanto verán incrementados os seus prezos.
-Europa non poderá ser un actor relevante en materia de innovación tecnolóxica e de servizos tecnolóxicos.
-Os cidadáns e empresas de telecomunicacións europeas quedarán supeditados á tecnoloxía doutras áreas e ás súas condicións.
En consecuencia, ADECES, UCC, UCE-Eus e UCGAL reclaman “un cambio de paradigma no regulamento das telecomunicacións europeas que permita construír un espazo tecnolóxico autónomo”. Segundo explican, a construción dese espazo p”asa pola contribución das grandes plataformas tecnolóxicas no mantemento das redes de telecomunicacións da UE” e por “definir regulacións cuxas obrigacións alcancen aos provedores de servizos dixitais, evitando a asimetría regulatoria que vén caracterizando o mercado das telecomunicacións en sentido amplo”.

PUBLICIDADE