A Tribo Radio comeza a emitir este 8 de maio nas ondas online

xoves, 7 de maio do 2020 Fernando Sarasketa

A pandemia non puxo freo ás iniciativas innovadoras galegas para encher a Rede de novos e interesantes contidos, máis ben o contrario. É o caso de A Tribo Radio, unha nova experiencia de radio galega online que se estrea oficialmente este venres 8 de maio ás 12.00 do mediodía e cuxos podcasts estarán dispoñíbeis na web atribo.gal e tamén nas redes iVoox, Facebook e Twitter. A Tribo Radio xorde directamente da actual situación de crise sanitaria e confinamento: unha situación á que había que dar resposta con creatividade, contidos e compromiso social. “Vimos claro que había que dar voz a toda a comunidade que aspira a unha sociedade crítica, máis xusta e igualitaria”, sinalan os seus responsábeis.
Segundo engaden, trátase dun espazo deseñado especificamente para Internet cuxo obxectivo é “ofrecer información e tratamentos que non se encontran nas radios convencionais, amais dun espazo onde atoparse, tecer redes e complicidades”. De feito, A Tribo Radio nace coa vontade de confluír con todas aquelas organizacións sociais, medios de comunicación, entidades e persoas “que soñan cun mundo mellor”.
O primeiro programa, que se poderá escoitar e descargar partir deste venres, contará coas voces de persoas pertencentes a diferentes ámbitos, que reflexionarán sobre o momento actual que vivimos a nivel social, económico, sanitario, cultural, medioambiental e psicolóxico.
O actor Carlos Blanco; a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba; a escritora e filósofa Rebeca Baceiredo; Ana María Núñez Rubines, coordinadora do Grupo de Intervención Psicoloxía en Catástrofes e Emerxencias do Colexio de Psicoloxía de Galicia; Iago Lestegás Tizón, arquitecto e doutor en Urbanismo; Isabel Prego, celadora no CHUAC; Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía e director do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da Universidade da Coruña; Luís Rei, recepcionista de Mercadoría nun hipermercado da Coruña; Marta Rial Chorén, psicóloga e activista da Plataforma Mina Touro-O Pino NON; Mónica Fernández, auxiliar de enfermería no CHUS; Rita del Lago, cociñeira no Centro de Maiores de Celanova, Sagrario Fernández, Traballadora Social no HULA; Sofía Riveiro Olveira, educadora social; e Jessica Rei, da plataforma Salvemos a Comarca de Ordes, son as persoas que intervirán neste primeiro podcast.
Os programas estarán realizados, presentados e conducidos por Xosé Antón Bocixa Rei, baixo a coordinación de Verónica Álvarez e todo producido por Tingalaranga. Laura Romero foi a encargada do deseño gráfico desta radio na rede que pretende poder emitir a partir desde venres, un programa novo, con novas voces e tratando temas de actualidade, cada quince días.

PUBLICIDADE