A Toxa acolle en xaneiro un foro de emprendedores, investidores e novos recursos de facer mercado

luns, 12 de novembro do 2012 Fernando Sarasketa

JPEG - 120.8 KB
O Hotel Hesperia de A Toxa

A Illa da Toxa (O Grove) vai acoller a comezos de 2012 un encontro de empresarios novos e investidores procedentes de todo o eido europeo coa finalidade de procurar o fortalecemento preciso de novas iniciativas e oportunidades de negocio. O Foro Designing Future, así se chama o evento, celebrarase os días 11 e 12 de xaneiro, concentrándose en afianzar o máximo posíbel as ligazóns entre as persoas que acudan coas súas ideas innovadoras de mercado e as persoas que acubillan os apoios precisos para impulsalas. Haberá sesións formativas, relatorios, obradoiros e mesas redondas para expertos de recoñecido prestixio en investimento, procura de mercados e metodoloxías para asegurar o éxito.
Os participantes poderán presentar os seus proxectos atendendo a diversos graos de investimento: idea de proxecto, empresa de nova creación, start-up, afianzamento de empresa, proceso en marcha de internacionalización. O comité executivo do foro valorará e seleccionará cada proxecto co fin de de poder asignalos de maneira axeitada a cada investidor ou grupo de investidores. Contarase coa presenza do secretario xeral da Oficina Comercial de España en Francia, José Francisco Rodríguez Queiruga, así como de socios e directivos de consultoras e empresas privadas, do eido innovador e tecnolóxico. Prevese, nesta edición, unha participación de 150 proxectos, moitos deles ligados ás novas tecnoloxías da información, por un nivel de financiamento de 60 millóns de euros. A cita vén da man das firmas Aventi e Affines.

PUBLICIDADE