A Torre de Hércules ilumina Mundos Digitales

venres, 12 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O congreso internacional de animación, efectos visuais e novos media Mundos Digitales chegou hoxe ao seu ecuador, nunha xornada na que tiveron lugar algúns dos seus relatorios máis importantes, entre os que non podemos esquecer a charla de Sergio Prieto, de Gato Salvaje, quen baixo o título de The Waylanders: Creando a mítica Brigantia a partires da Coruña real, avanzou detalles do videoxogo que están a desenvolver dende a cidade herculina, e que no panorama español do desenvolvemento de videoxogos é un dos traballos máis ambiciosos actualmente.

The Waylanders

Prieto explicou como The Waylanders é un título ambientado en dúas épocas diferentes, o que permite mesturar mitoloxías e lendas celtas e medievais, á vez que trasládanos a escenarios recoñecibles como a Torre de Hércules, a Catedral de Santiago de Compostela, a Illa de Ons ou Ézaro. Para iso foi preciso un traballo de documentación histórico e arquitectónico, adaptación artística, modelado, texturizado e outros procesos que se explicaron esta mañá en PALEXCO, nun relatorio no que en todo momento estivo moi presente a emblemática Torre de Hércules, que este ano está a celebrar o 10º aniversario do seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade.
No mes de agosto poderemos coñecer máis detalles do xogo, xa que aproveitará a celebración da Gamescom en Colonia para presentar ao mundo moitas novidades deste proxecto que está a situar a Galicia no desenvolvemento global de videoxogos.

Traballar para ILM

Entre as charlas da mañá tamén resultou interesante poder coñecer o traballo de Jesús Garrido para Industrial Light & Magic (ILM), o que permitiulle formar parte de proxectos como Star Wars: Los Últimos Jedi, Ready Player One, Los Vengadores: Infinity War e incluso da nova Star Wars: El ascenso de Skywalker. Un bo exemplo de profesional que comezando a súa carreira como operador de cámara e editor nunha modesta televisión remata traballando como senior compositor de ILM en Londres.

A realidade mixta

Nos espazos expositivos de Mundos Digitales é posible probar distintas experiencias de realidade virtual, un plató de televisión virtual e outras tecnoloxías entre as que destacaba unha moi especialmente pola súa novidade: a solución de realidade mixta Magic Leap One, que chegou ao mercado profesional dun xeito moi limitado, polo que aínda resulta bastante difícil achegarse a esta tecnoloxía cun futuro moi prometedor.
Para introducir nesta tecnoloxía celebrouse unha conferencia de Edgar Martín-Blas, quen ilustrou sobre o potencial das solucións de realidade mixta como as Magic Leap One, das HoloLens 2 e incluso das rumoreadas lentes de realidade aumentada de Apple (que coméntase que serían basicamente un casco parvo que dependería do propio iPhone para crear unha realidade aumentada de grande realismo).
Lembremos que solucións como Magic Leap One o que fan é inserir contidos virtuais na propia realidade que temos ano noso redor, integrando os elementos tridimensionais no contorno dun xeito realista e tendo en conta a xeometría espacial, co detalle engadido de que estas tecnoloxías están baseadas en procesadores móbiles, xa que pretenden minimizar o uso de cables e non depender de grandes equipos informáticos, de aí que esteamos ante unha tecnoloxía que está a evolucionar a unha velocidade menor da que nos gustaría, pero que en poucos meses podería superar esa barreira que faría que puidésemos ver xa produtos de consumo que abrisen a porta a todo un mundo de posibilidades (que van dende o lecer até a aplicacións industriais).

Presenza da Universidade da Coruña

O Campus Innova e o Campus Industrial da Universidade da Coruña contan este ano cun expositor próximo á entrada de PALEXCO, que serve principalmente para dar a coñecer as titulacións relacionadas coa temática do congreso, como son o Mestrado Universitario en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos (impartido en Ferrol dende o pasado curso) e o novo Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos (que comezará a impartires no vindeiro curso).
Os responsables do stand da Universidade da Coruña recoñecen que o interese polas titulacións relativas ao sector dos videoxogos está a ser moi elevado, e confían en que iso tradúzase nunha elevada demanda desas titulacións para o curso que vén, xa que resulta innegable que estamos ante un sector con grandes saídas laborais que encaixa coas paixóns de moitos estudantes polos videoxogos e a creación dixital en xeral.

A xornada do sábado

Carlos Caballero, supervisor de DFX de MPC, impartirá unha conferencia o sábado sobre Dumbo, o filme de Tim Burton no que tiveron que dar vida a un elefante voador dun xeito hiperrealista. Caballero explicará dende os primeiros pasos en arte conceptual até a iluminación e a composición.
Non será a única superproducción que protagonizará as charlas de mañá, xa que Mundos Digitales finalizará cunha sesión especial sobre os efectos da serie de HBO Game of Thrones na que Félix Bergés, Marga Vilalonga, David Ramos e Javier Roca, de El Ranchito, abordarán como foi darlle vida e credibilidade a algúns dos seus personaxes, así como a ambientación e creación dixital dalgunhas das súas localizacións.
Uno dos momentos máis esperados de Mundos Digitales é a cerimonia de entrega dos International Animation Festival. O premio especial pola súa traxectoria profesional recaerá sobre Gonzalo Rueda, pero até mañá non se saberá cal son as curtas de animación que gañarán nas categorías de Nacional, Internacional e Animación.
Entre os nomeados á mellor curta Nacional e Internacional atópase La Noria, un audiovisual de Carlos Baena, de NightWheel Pictures, que, entre outros moitos recoñecementos, gañou un Goya este mesmo ano. A curta foi a imaxe de Mundos Digitales antes mesmo da súa estrea. O corte do coruñés Juan Carlos Pena Peixe, é finalista na categoría Nacional.

Un dos retos da tecnoloxía de cascos de realidade virtual é facela portátil, para o que xa existen solucións comerciais
Un set televisivo virtual é unha das solucións máis interesantes que pode verse nesta edición de Mundos Digitales

PUBLICIDADE