A Terra Media sumirase nas Sombras de Guerra en agosto

martes, 28 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

O xogo La Tierra Media: Sombras de Mordor conseguiu ser un grande éxito en 2014, até o punto de considerarse como o tapado do ano, que colocaba ao xogador no rol dun explorador resucitado na procura de vinganza, e destacaba especialmente polo Sistema Némesis (que constrúe relacións cos inimigos, de xeito que cada sesión de xogo sería única), e agora anúnciase que o 25 de agosto teremos a súa inevitable secuela, La Tierra Media: Sombras de Guerra, dispoñible para PS4, Xbox One e PC, destacando o feito de que a versión para Xbox One estará dentro do programa Xbox Play Anywhere (ou sexa, que será posible mercalo en dixital para consola e poder xogalo igualmente baixo Windows 10).
Neste novo título os xogadores poderán empuñar un novo anel de poder e confrontarse a inimigos mortais como Sauron e o seu Nazgul, nunha monumental batalla pola Terra Media. A nova aventura recuperará aos heroes da anterior entrega e permitirá unha maior penetración nas liñas inimigas para formar un exército coa esperanza de dirixir a todo Mordor contra o Señor Escuro.
Sombras de Guerra contará cunha versión expandida do Sistema Némesis, de xeito que os personaxes irán tomando forma en función das accións e decisións do xogador, repetindo así a sensación de ter unha experiencia única en cada partida.
O vindeiro 8 de marzo está prevista a presentación mundial deste xogo, que será cando finalmente o vexamos en acción.

Tráiler oficial de La Tierra Media: Sombras de Guerra

PUBLICIDADE