A Tecnópole de Ourense acollerá o XIX Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos

luns, 13 de outubro do 2025 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole vén de participar no XVIII Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos, celebrado en Évora (Portugal) baixo o lema Novos Mundos Imersivos. O evento estivo organizado polo Parque do Alentejo de Ciência e Tecnologia, a rede portuguesa TecParques e a Asociación de Parques Científicos y Tecnológicos de España (APTE). Durante tres días reuniu a representantes de parques, institucións e empresas de ámbolos dous países para impulsar a colaboración transfronteiriza en innovación e desenvolvemento tecnolóxico. A vindeira edición da cita, a XIX, celebrarase na sede da Tecnópole (San Cibrao das Viñas, Ourense).
Na convocatoria de Évora participou o director xerente de Tecnópole, Javier Taibo, quen sinalou que “esta experiencia sérvenos para coñecer proxectos e tendencias que marcarán o futuro dos parques como as tecnoloxías inmersivas, a Intelixencia Artificial, a robótica ou a Realidade Virtual, que están a transformar sectores clave. Pero tamén se pon de relevo o interese pola innovación sustentable e o valor dos parques como ferramentas esenciais para impulsar os ecosistemas de innovación a escala global”.
No transcurso do evento anunciouse que a próxima edición de 2026, o XIX Encontro Ibérico de Parques Científicos e Tecnolóxicos, será organizada en España polo Parque Tecnolóxico de Galicia – Tecnópole e que versará sobre seguridade, defensa e aeroespazo.

Javier Taibo, xerente da Tecnópole, na súa intervención no evento celebrado en Évora

Tecnópole non é anfitrión de encontros de APTE desde 2017, ano no que acolleu unha asemblea xeral da Asociación. A directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta de Galicia, Margarita Ardao, salientou que “é unha oportunidade magnífica para que a nosa comunidade se converta en foco de atención dos principais parques científicos e tecnolóxicos de España e Portugal. Ademais de compartir experiencias, será unha panca para impulsar proxectos conxuntos e explorar novas oportunidades, contribuíndo ao progreso tecnolóxico e ao desenvolvemento económico”.
O encontro deste ano concluíu coa sinatura do Manifesto de Évora, un compromiso conxunto da rede de parques española e portuguesa para avanzar na construción dos parques científicos e tecnolóxicos do futuro: parques innovadores, verdes, intelixentes, centrados nas persoas e abertos ao mundo.
Desde o ano 2002, APTE e TecParques traballan na colaboración entre os parques españois e portugueses, reforzando a cooperación en materia de innovación entre as empresas e entidades de I+D que se sitúan nos parques das dúas asociacións. Ao longo destes 23 anos, os Encontros Ibéricos serviron para explorar novas posibilidades de cooperación, consolidando unha alianza ibérica cada vez máis cohesionada e con protagonismo crecente nas políticas europeas de innovación.