A Tecnópole celebrou un espectáculo de ciencia online que reuniu máis de 10.000 estudantes

xoves, 8 de outubro do 2020 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) acolleu este xoves 8 de outubro un espectáculo de ciencia online para alumnado de Secundaria. A cita, abeirada ao proxecto Ciencia e Tecnoloxía en feminino promovido pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España
- APTE-, reuniu máis de 10.000 rapaces de toda España (a través da participación dos 18 parques que impulsan o proxecto). O obxectivo desta iniciativa, que este ano cumpre a súa terceira edición, é lograr que aumente a porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de ciencias ou tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería ou Matemáticas (STEM polas súas siglas en inglés).
A presentación realizouna a directora de GAIN -Axencia Galega de Innovación-, Patricia Argerey, conselleira delegada de Tecnópole. Salientou que para o Goberno galego “é unha prioridade espertar o interese e a motivación das nenas e nenos pola ciencia e a innovación, xa que o capital humano é un dos factores clave para a competitividade do noso tecido produtivo e nos nosos centros de coñecemento e, por tanto, da nosa Comunidade”.
Durante o evento deuse a coñecer o proxecto e presentouse tamén a guía Que quero ser de maior?, da man do presidente de APTE, Felipe Romera, e da directora xerente da Asociación, Soledad Díaz. A través desta guía, que se fará chegar aos centros educativos de Secundaria de toda Galicia, búscase promover as vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas. Recóllense as saídas profesionais dun total de 37 titulacións, o tipo de labor que se desempeña en cada unha destas profesións, así como a súa utilidade na sociedade actual.
Polo que respecta ao espectáculo de ciencia en si mesmo, foi dinamizado polos divulgadores científicos Patricia Barciela e David Ballesteros, e consistiu na realización dunha serie de experimentos, xogos e curiosidades. A finalidade desta experiencia era que os máis novos descubrisen que a ciencia pode ser atractiva e divertida para todos. Nesta proposta os dous divulgadores achegáronse á problemática do fomento das vocacións científico-tecnolóxicas entre as mozas e os aspectos que xeran un déficit de estudantes universitarias nestes ámbitos. Para iso, romperon roles e estereotipos, aproximáronse a momentos estelares da ciencia protagonizados por mulleres e desenvolveron experimentos de grande espectacularidade.
Aínda que o evento foi online, 50 rapaces de primeiro a terceiro da ESO tiveron a oportunidade de asistir ao espectáculo en directo, nas instalacións de Tecnópole.
A mostra sobre as mulleres que cambiaron o mundo
O evento rematou coa presentación da exposición Mulleres que cambiaron o mundo, que se exhibe de xeito permanente nas instalacións de Tecnópole e que para esta edición se enriqueceu coa incorporación de novos paneis relativos a catro científicas relevantes que desenvolven o seu labor no Parque Tecnolóxico de Galicia. Trátase de Esther Merlo, pioneira en España en utilizar a velocidade de desprazamento dunha onda dentro da árbore para avaliar a rixidez da madeira, fundadora da empresa Madera Plus Calidad Forestal, e que traballa para optimizar a xestión forestal sustentábel e o uso da madeira; Mª Azahara Soilán, especialista na utilización de madeira como material estrutural para unha construción respectuosa co medio, exerce o seu labor no CIS-Madeira; Enma Conde, que traballa no eido da biotecnoloxía como directora de I+D+i da empresa Glecex, emprestando servizos tecnolóxicos a empresas do sector agroalimentario, cosmético e de nutracéuticos; e Lucía Novelle, socia fundadora da empresa Ingeo, especialista no estudo e deseño de instalacións de enerxía xeotérmica.
A exposición amosa a traxectoria de mulleres científicas e tecnólogas no ámbito galego, nacional e internacional que deixaron a súa pegada ao longo da historia e que agora se pretende que sexan referentes para as novas xeracións. É o caso da precursora do libro electrónico, Ángela Ruiz Robles; a pioneira da programación que levou o Apolo á Lúa, Margaret Hamilton; a astrónoma que descubriu a materia escura, Vera Rubin; a primeira persoa que creou un programa de computador, Ada Lovelace; ou a bioquímica Gertrude B. Elion, que descubriu tratamentos para a leucemia e a malaria e fixo posíbel os transplantes de órganos; entre outras.

PUBLICIDADE