A Tecnópole avanza cara a igualdade tecnolóxica perante un cento de escolares

xoves, 18 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Tecnópole estase a sumar, con todos os seus recursos, á causa común internacional contra as falsas crenzas que desaniman ás mozas e mulleres de formaren parte das fileiras da comunidade tecnóloga e científica do mundo. A idea do parque ourensán é convidar ás mozas a formarse nestes ámbitos, que ofrecen unha manchea de posibilidades e nos que as mulleres están chamadas a desenvolver un papel crucial, de innovación, progreso e dixitalización. Hoxe mesmo, amplificouse este traballado derrubador de prexuízos ante a presenza de medio cento de escolares, que pasaron pola Tecnópole para participar nas súas xornadas de impulso das vocacións científicas e tecnolóxicas entre as rapazas.
Na cita participaron alumnas e alumnos do IES O Couto de Ourense, que puideron ver claramente como as diferenzas de xénero non son de ningunha maneira un condicionante para elixiren unha carreira. A xeira incluíu unha competición na que tiveron ocasión de demostrar os seus coñecementos sobre científicas e tecnólogas referenciais, máis en detalle as que integran a mostra Mulleres que cambiaron o mundo.
No encontro tamén participou a enxeñeira técnica de montes Azahara Soilán, facéndolle saber ao alumnado os porqués de ter elixido os seus estudos e a súa experiencia durante os mesmos, unha experiencia na que “rapazas e rapaces facíamos equipo, non había diferenzas”.
No obradoiro sobre o cerebro, o divulgador David Ballesteros lembroulles que non hai relación entre xénero e maior ou menor intelixencia, precisando que “sexas home ou muller, o cerebro consume o 20% da túa enerxía”.
Con estas actividades, a Tecnópole únese a outros 15 parques de toda España no marco da iniciativa Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, promovida pola Asociación de Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE).
Todas os participantes nas xornadas recibiron a guía Que quero ser de maior?, na que se explican as saídas profesionais dos estudos relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. Mañá serán escolares do IES As Lagoas de Ourense os que asistirán a estes encontros.

PUBLICIDADE