A Tecnópole abre o prazo de inscricións para a nova edición do seu campamento tecnolóxico T2W

luns, 3 de maio do 2021 S. P.

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) vai organizar unha nova edición (a novena) do seu campamento tecnolóxico de verán, o T2W (Tecnópole Technological Workshops), en colaboración coa Consellería de Economía. Será un programa de divulgación científica e tecnolóxica a desenvolver durante dez días de xullo para rapazas e rapaces de entre os 12 e o 18 anos, procedentes de toda a xeografía galega.
Segundo informou a Tecnópole, xa poden inscribirse na web específica do T2W (até o 4 de xuño). Entre outras cousas, iniciaranse en programación e robótica, construirán foguetes de auga, achegaranse ao 3D, realizarán experimentos e enfrontaranse a unha manchea de desafíos.
Esta iniciativa forma parte da aposta de Tecnópole pola divulgación científica de calidade entre os máis novos. Diríxese a un total de 25 rapaces de entre 12 e 18 anos. Dará comezo o 5 de xullo e prolongarase ata o 16 de xullo; de luns a venres, en horario de 10:00 a 18:00 horas.
O custo do campamento é de 290 euros. Ademais de todas as actividades e os materiais tecnolóxicos e científicos, inclúese tamén o transporte dende varios puntos da cidade de Ourense, a comida e o acceso diario á piscina do Parque Tecnolóxico de Galicia.
Como xa é habitual neste campamento, as diferentes propostas estarán dirixidas por recoñecidos expertos en didáctica da ciencia e da tecnoloxía e en cada unha das materias que se van desenvolver nesta edición.

PUBLICIDADE