A Super Nintendo estará moi presente nos vindeiros meses

martes, 22 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Nintendo non quixo deixar pasar a celebración da Gamescom en Colonia, e esta mañá deu conta de novidades que prepara para Nintendo Switch e Nintendo 3DS, aínda que o máis destacable foi relativo ao hardware, xa que sorprenderon dando conta de novas características da Nintendo Classic Mini: Super Nintendo Entertainment System, consola que chegará as tendas o 29 de setembro como unha versión reducida da Super Nintendo, con xogos precargados e adaptada aos televisores de alta definición.
A nova consola retro terá unha función que agradecerán os usuarios que non estean afeitos ao elevado nivel de dificultade dos xogos de primeiros dos anos 90, de xeito que nun momento dado o xogador poderá optar por rebobinar a acción para repetir as partes complicadas ou recoller un obxecto que deixou pasar na primeira ocasión. Esta funcionalidade variará en función do xogo, de xeito que en Super Mario RPG poderá volverse varios minutos atrás, mentres que en Super Mario World a marxe é de 40 segundos (pensando en reintentar pequenos segmentos do xogo).
Pero non foi a única sorpresa da xornada, senón que tamén anunciaron que o 13 de outubro sairá á venda a New Nintendo 3DS XL - Super Nintendo Entertainment System Edition, ou sexa, unha versión da portátil de Nintendo coa aparencia externa da clásica Super Nintendo, e cos botóns coas mesmas cores que a consola orixinal.

Novo vídeo promocional da Super Nintendo mini

PUBLICIDADE