A Seguridade Social seguirá afondando no camiño da transformación e a automatización
luns, 8 de agosto do 2022
A
subdelegada
do Goberno, Isabel Rodríguez, visitou o pasado venres a sede da
Seguridade Social en Lugo e xunto co director provincial do
instituto, Juan José Rodríguez Gude, deu a coñecer as vindeiras
iniciativas de transformación tecnolóxica da entidade. A visita
orientouse a comprobar os traballos realizados nas últimas semanas
para a mellora da eficiencia enerxética do edificio e a reordenación
dos espazos de atención ao público. Isabel Rodríguez fixo saber
que a Seguridade Social está a apostar forte por fomentar o uso da
páxina web e a automatización nas súas oficinas. O director, pola
súa banda, puxo en valor “as facilidades que ofrece a informática
para facer trámites coa entidade de forma eficaz”, sen excluír a
colectivo algún e sen agravar as fendas dixitais. Porén, recoñeceu
que as TIC seguen a ser unha barreira importante para moitas áreas
sociais, polo que proseguirase achegando atención presencial mesmo
sen cita previa.
Proceso
de automatización integral
As
automatizacións, sinalaron, abranguen non só aos servizos achegados
polo instituto, senón tamén ao propio persoal. O envellecemento do
funcionariado na provincia lucense, cunha media de idade de 58 anos,
“aveciña unha onda de xubilacións”, sinalou o director
provincial, indicando que nos últimos tres anos, o persoal do
servizo da Tesourería viuse reducido nun 25%, mentres que no INSS
rolda entre o 5 e o 10%. “Para compensar esa perda de persoal,
moitos dos labores máis rutineiros pasaron a depender das novas
tecnoloxías”.
Xunto
á automatización de certas tarefas, o plan de renovación tamén se
apoia na convocatoria extraordinaria este ano de prazas de
funcionarios da Seguridade Social, ademais da contratación de
interinos para tarefas concretas.
Nese
proceso de renovación, o edificio da Avenida de Madrid únese á
aposta polo aforro enerxético. A iluminación foi substituída por
focos LED. Tamén se incluíron sensores de movemento e reguladores
de intensidade que permiten axustar o uso de luz. Estes cambios
supoñen unha baixada do consumo xeral de 250.000 watts a 63.000,
explicouse na visita de Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno.
Isabel
Rodríguez felicitou ao director provincial da Seguridade Social por
impulsar medidas para o aforro enerxético, porque “as
administracións públicas deben dar exemplo na redución do consumo
enerxético” e, tamén, “pola súa sensibilidade para dar a
mellor atención posíbel aos cidadáns, con iniciativas como a
remodelación destas zonas de atención ao público e o esforzo
realizado nos últimos anos para a modernización da rede de oficinas
de atención aos cidadáns na provincia”.