A Rede sen fíos chegará a 24 aeroportos españois

xoves, 3 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

O Wi-Fi, en parte porque os tempos corren e en boa medida porque os cidadáns así o esixen, vaise asentando nos aeroportos españois. E tanto que é así: segundo veñen de informar as empresas Indra e Avanzit nun comunicado xurdido ao abeiro dun acordo de cooperación, traballarán xuntas para instalar e despregar a dita tecnoloxía de acceso á Rede sen fíos en varios aeroportos de AENA. A iniciativa, que vén acompañada dun orzamento total de 5,1 millóns de euros, inclúe o equipamento Wi-Fi dunha cifra de 24 emprazamentos repartidos polo territorio estatal. Máis polo miúdo, sinalar que o sistema contratado por AENA constitúe un proxecto “chave en man”, contando as novas redes sen fíos con arredor de 1.400 puntos de acceso para os devanditos aeroportos.
O obxectivo é que estas redes sen fíos cumpran os requisitos precisos para soportar servizos de voz e de datos ao mesmo tempo, así como de procura de dispositivos de acceso baixo os “máximos niveis de seguridade e dispoñibilidade”.
A nova está a ser acollida de xeito positivo nas webs especializadas nesta tecnoloxía de acceso á Sociedade da Información, como por exemplo en Lavidawifi.com, onde ven a iniciativa como un exemplo salientable da tendencia comunicativa dominante: a comunicación omnipresente en todos os recantos da nosa vida diaria. “Dotar de puntos sen fíos aos espazos públicos é hoxe en día algo necesario”, sinálase neste espazo, e non só para os viaxeiros que se trasladan dun lugar a outro por motivos de negocios, senón para todo os pasaxeiros en xeral, expostos como están –sen excepción- nestes espazos a longos tempos de espera que poderían ser aproveitados para algo tan preciso como a comunicación.

PUBLICIDADE