A Rede de Dinamización presenta o seu programa de actividades para xaneiro en Boiro

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, en colaboración co concello de Boiro, vén de anunciar novas actividades de achegamento ás novas tecnoloxías que terán lugar no mes de xaneiro no Centro de Dinamización da vila.
Os obradoiros que se van desenvolver e as datas nas que terán lugar son os seguintes:
-Iniciación á Informática: curso aberto á poboación en xeral, que busca capacitar ás persoas asistentes no manexo de arquivos, cartafois, ligazóns, ferramentas en liña… con certa soltura, así como coñecer de primeira man e saber das funcionalidades básicas que ofrece un computador. Desenvolverase de 11 a 13 horas desde o luns 11 ao xoves 14.
-Iniciación a Internet: este obradoiro vai destinado á poboación en xeral que desexe coñecer as chaves da Rede e usar os seus recursos e ferramentas de maneira básica. Levarase a cabo de 11 a 13 horas do 18 ao 21 de xaneiro.
-Procesador de textos: este obradoiro busca capacitar ás persoas asistentes na creación e modificación de documentos de textos empregando o OpenOffice Writer, baseado en software libre.
-Mecanografía: destinado a poboación xeral, este obradoiro está pensado para capacitar ás persoas asistentes no manexo correcto do teclado así como mellorar a súa soltura á hora de trascribir textos. Levarase a cabo dende o 25 ao 29 de xaneiro en horario de maña de 11 a 13 horas.
Asemade, está prevista a realización da charla As Nova Tecnoloxías na vida cotiá, que terá lugar o día 22 deste mes ás 11 horas na sala audiovisual do 1º andar do Centro social boirense. Este relatorio consistirá en mostrarlle á cidadanía todas as vantaxes que supón empregar as novas tecnoloxías e Internet na súa vida cotiá.
O prazo de inscrición para estas actividades estará aberto ata o comezo de cada unha delas ou, no seu caso, ata finalizar as prazas dispoñibles.
Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre estas e outras actividades, as persoas interesadas poden dirixirse ao Centro de Dinamización de Boiro, sito no Centro Social, 2º andar, chamar ao teléfono 981.842.635 ou mandar un correo electrónico aos enderezos: natalia.rianxo@dinamiza.fundacioncalidade.org e samuel.boiro@dinamiza.fundacioncalidade.org, dinamizadores encargados deste centro.