A Rede SmartPeme+ ofrece 6 novos obradoiros de capacitación tecnolóxica
luns, 19 de maio do 2025
A Deputación de Pontevedra ofrece esta semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica, enmarcados na Rede SmartPeme+, cun enfoque centrado na dixitalización e mellora das competencias do tecido empresarial da provincia, combinando formatos telemáticos e presenciais, e abordando temas de interese como a xestión turística, o márketing artesanal, a relación coas administracións, a protección de marcas, a reputación dixital e o posicionamento web.
O programa iniciarase o luns 19, ás 12:00 horas, cun obradoiro telemático sobre ferramentas de xestión para aloxamentos turísticos, impartido por Patricia Cabaleiro desde a oficina de Pontevedra. O obxectivo será optimizar recursos e aumentar beneficios mediante o uso de motores de reserva e xestores de canles.
O martes 20 acollerá dúas sesións. A primeira será presencial en Ponteareas, ás 9:30 horas, co título Primeiros pasos coa Administración Electrónica, a cargo de Laura Carrera, cun enfoque práctico sobre o uso do DNI electrónico e o certificado dixital. Pola tarde, ás 17:00 horas, o punto SmartPeme+ de Lalín coordinará o obradoiro en liña Do taller ao mercado: márketing para artesanía, que ofrecerá ferramentas dixitais e estratexias para profesionalizar a identidade e as vendas do sector artesán, con Fátima Faílde como relatora.
O mércores 21, ás 12:00 horas, celebrarase desde a oficina de Vigo o obradoiro Protexe a túa marca: rexistro e estratexia, en colaboración con ISERN Patentes e Marcas, onde se analizarán as vantaxes de protexer a identidade corporativa tanto no ámbito físico como dixital.
Xa o xoves 22, ás 17:00 horas na oficina de Cambados, Jose Luis Taboada impartirá o taller Presenza en Internet e técnicas SEO, centrado na construción dun sitio web profesional e nas ferramentas para mellorar o seu posicionamento nos buscadores.
A semana pecharase o venres 23, ás 12:00 horas, cun obradoiro telemático sobre marca persoal e reputación dixital dirixido por Sabela Álvarez desde Vigo, que afondará na creación dunha imaxe profesional coherente e estratéxica nas redes.
Estas actividades enmárcanse na aposta da Deputación pola transformación dixital das empresas e emprendedores da provincia, á que destina este ano 1,45 millóns de euros a través da Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural. Este ecosistema de apoio empresarial desenvolvese desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo, chegando cada ano a máis de 2500 emprendedores e organizando preto de 200 actividades formativas.