A Rede PLIR amosou os seus avances no deseño de ferramentas que recoñecen emocións

luns, 9 de novembro do 2015 Redacción

Tomando como base o noso xeito de comunicarnos no senso máis amplo do termo (non só comunicar conceptos senón tamén emocións), a Rede Galega Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información (Rede PLIR) está a desenvolver unha serie de ferramentas que non só captan o que dicimos na Rede senón tamén (e o que en ocasións é máis importante) como o dicimos e en que estado nos atopamos cando o dicimos. Estas tecnoloxías déronse a coñecer o pasado venres no salón de actos do CiTiUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información). No acto participaron integrantes da Rede PLIR, composta por sete grupos de investigación das tres universidades galegas que traballan no eido das tecnoloxías da linguaxe; tres da Universidade da Coruña, un de Santiago e outros tres de Vigo.
Na cita, os devanditos grupos (nos que participan lingüistas e expertos en Ciencias da Computación) amosaron os seus principais avances perante empresas e profesionais e investigadores potencialmente interesados nos seus desenvolvementos. A este respecto (ao respecto das posibles aplicacións das ditas tecnoloxías no mercado), os membros da Rede PLIR fixeron saber que as ferramentas que atesouran capacidade para detectar emocións teñen unha gran utilidade para avaliar as opinións dos consumidores cara a determinados produtos ou servizos (a través, sobre todo, das mensaxes deixadas nas redes sociais).
Na xuntanza, ademais dos integrantes da Rede PLIR, participou o investigador de Yahoo! Roi Blanco, quen repasou a importancia da integración das tecnoloxías da lingua no desenvolvemento de buscadores web de última xeración.
Entre os colectivos impulsores da PLIR presentes na cita do CiTIUS atopábase o Grupo de Compiladores e Linguaxes da Universidade de Vigo, liderado polo coordinador da Rede, o catedrático Manuel Vilares. Este grupo, formado por investigadores das áreas de Tradución e Ciencias da Computación, adícase ao desenvolvemento de tecnoloxía en colaboración con recoñecidas empresas e centros de investigación de Francia, Portugal, Holanda, Suíza e Estados Unidos, en particular co Instituto Tecnolóxico de Massachusetts. En Galicia, dende hai máis dunha década desenvolve analizadores para a lingua galega co Centro Ramón Piñeiro. Un dos eidos nos que traballa este equipo é o deseño e explotación dos recursos lingüísticos que serven de alicerce ás tecnoloxías da lingua. Segundo fixo saber Vilares na xuntanza do CiTIUS, “trátase de empregar o poder expresivo da nosa propia lingua para definir metodoloxías que permitan organizar de forma eficiente a avalancha de datos a nosa disposición, de maneira que sexa útil sen necesidade de sermos expertos informáticos”. O grupo lembrou na cita que ten desenvolvido tecnoloxías básicas nos eidos da análise do léxico, da sintaxe e da semántica. Tamén lembrou que ten traballado con aplicacións prácticas das ditas tecnoloxías a diferentes linguas e en “ámbitos tan dispares como as enfermidades raras ou a biodiversidade”.
A maiores disto, e indo ao miolo do presentado na cita do venres 9 de novembro, o equipo recordou que centra unha boa parte do seu labor actual no que se coñece como “minería de opinións”, unha liña de investigación que se centra en captar a verdadeira natureza dos sentimentos dunha persoa en relación a un feito concerto, persoa ou circunstancia. E todo a través do que esa mesma persoa conta. Segundo fixeron saber dende o colectivo investigador que dirixe Manuel Vilares, “as posibilidades inmediatas desta liña son inmensas na acreditación de servizos ao usuario e na toma de decisións, tanto por parte de empresas como das administracións”. E engadiu: “Se somos capaces de captar informaticamente o sentimento dunha mensaxe, teremos sentado as bases para afrontar un vello reto da Intelixencia Artificial, outorgar a capacidade de recoñecer emocións a un sistema artificial”.
Outro dos equipos integrados nesta Rede PLIR e presentes na xornada do CiTIUS é o Grupo Lingua e Sociedade da Información da Universidade da Coruña, coordinado pola profesora Margarita Alonso e formado por expertos en Lingüística, Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial que traballan no eido das tecnoloxías lingüísticas. O seu traballo, fixeron saber, vai dirixido “a crear ferramentas que incorporen modelos computacionais da lingua que se aproximen á capacidade humana nas tarefas lingüísticas de tratamento dos textos”. Estes modelos, dixeron, “son especialmente útiles para a construción de aplicacións prácticas que faciliten a comunicación entre os computadores e o ser humano”.
Segundo engadiron a un nivel máis concreto, unha das súas liñas de investigación céntrase “na análise sintáctica”, que ten como obxectivo o desenvolvemento de técnicas que permitan ao computador entender cal é a estrutura da frase, paso fundamental para poder determinar cal é a función de cada palabra e poder así comprender que é o que se quere dicir nun texto. “Trátase”, explicou Alonso, “de ensinar ao ordenador a facer algo semellante á análise sintáctica de oracións que se realiza no colexio”. A día de hoxe, o equipo que dirixe Margarita Alonso está a afondar na posibilidade de crear analizadores sintácticos multilingües que permitan analizar frases nas que se mesturan dous idiomas, “como acontece no spanglish”, dixeron.
No que se refire á devandita “minería de opinións”, sinalaron que se trata dunha liña encamiñada a tratar de determinar se un texto expresa unha opinión e, de ser así, se esa opinión é boa ou mala. Ao seu xuízo, “a única maneira de poder procesar toda a inxente información que aparece hoxe nas redes sociais acerca dun produto ou un acontecemento é a través das ferramentas que nos ofrece a minería de opinións”. No caso do grupo da UDC e do seu traballo específico, sinalaron, “centrámonos nas opinións expresadas a través de Twitter, tanto en español como en inglés, aínda que trataremos de facelo tamén en galego axiña”. Así, fixeron saber o alcance deste nivel de estudo, “é posible predicir quen é o político mellor avaliado polos usuarios de redes sociais”.