A Radio Galega potencia os contidos sonoros na súa páxina web

luns, 5 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A nova cabeceira da páxina web da Radio Galega axiliza o acceso aos contidos máis importantes

A presenza na web da Radio Galega vén de renovarse cun lixeiro redeseño que axiliza o acceso aos contidos sonoros, de xeito que en canto entramos en radiogalega.gal atopamos atallos ás retransmisións en directo, aos podcasts e á programación, e estes últimos apartados tamén experimentaron cambios que facilitan o acceso aos contidos sonoros.
Por exemplo, cando accedemos á programación da Radio Galega, non só podemos comprobar a grella horaria da canle pública, senón que segundo vai avanzando o día os distintos programas van incorporando as gravacións de cada un dos espazos para poder recuperalos, sen ter que perderse entre os contidos á carta para localizar emisións recentes.

Esther Medina e Tania Lombao presentaron os cambios de radiogalega.gal no programa Galicia por Diante

No caso dos podcasts non só temos doado o acceso a todos os programas da Radio Galega, senón que cada espazo inclúe ligazóns para escoitar o podcast, consultar o seu fluxo RSS para poder engadilo ao noso administrador de podcasts preferido e incluso atallos para poder acceder ao podcast en iTunes (aplicación de referencia en iOS) ou iVoox (plataforma de podcasts moi popular en España).
A páxina web da Radio Galega tampouco esquece as súas distintas canles en directo (entre as que destaca Radio Picariña, con música en galego para os cativos da casa), grande presenza dos espazos informativos e toda unha serie de destacados dos distintos programas do día, para que a audiencia poida localizar rapidamente os contidos máis interesantes.
Dende a CRTVG tamén avanzan que este mesmo mes porán a disposición do público a nova canle dixital do programa Diario Cultural, que contará con podcasts dos programas, coas caras B e coas achegas exclusivas de sinaturas como Alba Cid, Miguelanxo Prado, Montse Pena Presas ou Tito Lesende.

PUBLICIDADE