A Radio Galega celebra as Letras cunha escolma de podcasts dos nosos escolares

xoves, 16 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A Consellería de Educación vai celebrar a dupla festividade do 17 de maio (Día das Letras Galegas e Día de Internet) cunha iniciativa que colle de preto ambas temáticas a festexar: abórdaas directamente polo punto onde se tocan e conflúen. Trátase, máis en detalle, de emitir na Radio Galega os podcasts dos centros premiados no primeiro Concurso de Podcasts elaborados nas bibliotecas escolares (a través da súa participación no programa Radio na Biblio).
Segundo informa Educación acerca do éxito do certame, recibíronse un total de 107 traballos procedentes de 64 centros, dos cales foron galardoados 8 nas diferentes modalidades: o CEIP Sáenz de Mazaricos (polo podcast O Mazarico), o CEIP de Carballedo de Cercedo-Cotobade (polo podcast A lenda de Florentina), o CEIP de Vilar de Barrio (polo rexistro sonoro A xanela cultural: Eespecial Letras Galegas), o CEIP Ramón de Valenzuela de Silleda (polo Alto dos Xenerais), o CPI de Vedra (por Os Xenerais), o CPI Manuel Súarez Marquier (de O Rosal, por Os cabaqueiros), o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas (por Polo río abaixo vai...) e o IES Punta Candieira de Cedeira (por As lavandeiras).
Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación de 1.000 euros para melloras no equipamento e infraestrutura do laboratorio/emisora de radio, que deberá ficar ligado á biblioteca.
Como dixemos, os podcasts premiados serán emitidos pola Radio Galega, ademais de ser difundidos a través da súa web e da canle dixital do Diario Cultural. Tamén se emitirán entrevistas cos gañadores na programación especial da emisora co gallo do Día das Letras Galegas.
Obxectivos
O obxectivo do certame foi estimular a creatividade do noso alumnado en materia de contidos dixitais de radio. O concurso, organizado en colaboración coa Radio Galega, quixo ir alén de alentar o talento da rapazada: quixo que as contribucións que concorreran tamén serviran para difundir o patrimonio cultural galego. De feito, o concurso é unha acción complementaria do Día das Letras Galegas e da celebración de Antón Fraguas, estudoso da cultura galega.
Por este motivo, a temática dos podcasts foi o patrimonio material ou inmaterial de Galicia, buscando ligazóns coa contorna de cada centro educativo. Ao mesmo tempo, a Consellería de Educación buscou mostrar o traballo que se fai nas bibliotecas escolares arredor da radio: trátase de converter estes espazos en “laboratorios creativos de aprendizaxe”, xa que “son unha ferramenta de gran potencial pedagóxico no reforzo das prácticas comunicativas do alumnado e da súa motivación para participar en proxectos colaborativos nos que se traballan distintas habilidades”, engádese.

PUBLICIDADE