A RAG xa recoñece no seu dicionario palabras como rechouchiar, blogueiro ou tableta
martes, 14 de outubro do 2014
A presentación da renovación da
páxina web da Real Academia Galega (RAG) hai un par de anos trouxo unha
importante novidade de grande utilidade, a estrea dunha versión en liña do seu
dicionario de galego, que non só achega o dicionario á cidadanía de xeito
masivo, senón que tamén facilita que as revisións poidan difundirse con moita
máis velocidade, sen ter que estar pendente de edicións dun volume impreso cada
varios anos, e como exemplo temos que o dicionario está a recoller numerosas
voces actualizadas que afectan especialmente o léxico tecnolóxico que tanto
empregamos no noso día a día, e do que queremos dar conta.
Ao ver como David Lombao daba conta de
que a RAG xa aceptaba a palabra chío
como “mensaxe
que se publica na rede social Twitter”, comprobamos como o dicionario tamén
integraba os verbos chiar
e rechouchiar,
así como o substantivo rechouchío,
adoptando así oficialmente o vocabulario implantado na tradución ao galego de
Twitter, o que claramente é de agradecer. Na mesma liña tamén se incorporaron
dúas novas acepcións á palabra cancelo,
que non só serve para identificar ao símbolo #, senón que tamén podemos
empregalo como “palabra ou cadea de palabras precedida do símbolo # que
funciona como ligazón e chave de busca, así como etiqueta para indexación
nalgunhas redes sociais”, ou sexa, que sería equivalente á expresión hashtag.
Outras palabras que detalla o dicionario da RAG relativas ao seu uso na
Internet serían avatar
como “identidade dixital que adopta un usuario dun servizo de Internet, como
unha charla, xogo en rede ou foro”, blog,
bitácora,
blogueiro,
báner,
videochamada,
contrasinal,
web,
agregador,
mandatario,
proxy...
e incluso chegan a detallar a expresións código
fonte, banda
larga, correo
lixo ou correo instantáneo, entre
outras.
Máis curiosa pode ser a incorporación da palabra tableta
como “computador persoal de man co que se interactúa por medio dunha pantalla
táctil”, que pode resultar rechamante por semellar a incorporación dunha
palabra en español que carece se significado previo en galego, e por non
recoller correctamente a definición dos tablet
actuais, senón dos vellos tablet PC,
aínda que a confluencia entre ambas gamas de produto pareza inevitable.
Manuel González explicando o funcionamento do dicionario en liña da RAG durante a súa presentación en 2012