A RAG e PuntoGal publican os resultados do seu terceiro concurso de microrrelatos

venres, 5 de xuño do 2020 Redacción

O III Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal xa ten gañadores, elixidos polo xurado reunido onte pola tarde de xeito telemático, premiando nove pequenas grandes historias que en conxunto suman 1.025 palabras. Cristina Fernández Mangana, natural de Ourense, Nee Barros Fernández, de Marín, e Christian Cabaleiro Otero, de Redondela, fixéronse cos primeiros premios nas modalidades de adulto, xuvenil e infantil, respectivamente, nunha nova edición do certame que sumou máis de 750 contos de até 200 palabras.
O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente de PuntoGal e académico de número, Manuel González; a académica de número Ana Romaní; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista Cláudia Morán, membro do comité de redacción de Luzes, conformaron o xurado que resolveu a terceira convocatoria dunha iniciativa que cada ano gaña popularidade entre os amantes da escrita de todas as idades.
A ourensá Cristina María Fernández Mangana, de 27 anos, fíxose co primeiro premio na modalidade de adultos entre os máis de 400 textos presentados por persoas maiores de 18 anos. Acadouno con A tía Ramona, unha emotiva historia sobre o paso do tempo e a ausencia en 192 palabras. A coruñesa Laura Rey Pasandín, de 40 anos, mereceu o segundo galardón na mesma categoría por Litofanía, un conto de 78 palabras inspirado nunha persoa especial para ela que coleccionaba porcelana; e o terceiro é para Ana María Gil Rey, veciña de Caión (A Laracha) de 22 anos e autora de Sombras, 36 palabras cheas de intensidade narrativa.
Nee Barros, estudante de 2º de bacharelato do IES Frei Martín Sarmiento de Pontevedra, acadou o primeiro premio da categoría xuvenil con Entre a vida e a morte, un relato de só 85 palabras cun gran dominio do humor. Este é o seu segundo galardón neste certame da RAG e PuntoGal. Na primeira edición, sen categorías por idades, xa demostrara o seu talento ao facerse cun dos terceiros premios. Andrea Estévez Correa, alumna de 1º de bacharelato do IES Ribeiro do Louro de Porriño, é a gañadora do segundo premio para autores e autoras entre os 12 e os 17 anos con Sorrisos de guerra, unha historia de esperanza en medio da dor expresada en 158 palabras; e Ana Martínez García, estudante de 4º da ESO do IES de Cacheiras (Teo), mereceu o terceiro por Amor por correspondencia, de só 32 palabras.
A Christian Cabaleiro Otero, estudante de 6º de primaria do CEP Santa Mariña de Redondela, bastáronlle 80 palabras para transmitir o pracer da escrita en Un mundo máxico, o relato gañador do primeiro premio na categoría infantil. Héctor Otero Pérez, alumno do mesmo curso no CEIP Rosalía de Castro de Vigo, foi recoñecido co segundo galardón nesta modalidade con A roupa da Terra, un conto de 164 palabras no que a fantasía habita o Universo; e Triana Liste Conde, alumna de 5º de primaria do CPI de Bembibre (Val do Dubra), gañou o terceiro con O neno princesa, un relato de 200 palabras sobre o respecto á diversidade.
As persoas premiadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán os textos seleccionados nas súas páxinas web. Luzes tamén os reproducirá e agasallará as persoas gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista.

PUBLICIDADE