A Proa organiza un encontro de networking con profesionais do mundo dixital

luns, 28 de novembro do 2022 S. P.

O espazo coworking A Proa, no Polígono de Milladoiro (Ames) organiza esta semana unha nova actividade de transformación. Este xoves 1 de decembro está previsto un encontro de networking no que se reunirán profesionais do mundo dixital e tecnolóxico. Na xuntanza participarán, compartindo coñecemento e experiencia, desenvolvedores, deseñadores, marketers dixitais, editores e programadores. O evento tamén servirá para coñecer a outros profesionais na zona.
A inscrición para participar neste encontro dixital é de balde e pódese facer premendo na ligazón específica habilitada. O evento está organizado por Luján Kubrusli e Isabel Viñas.
O I Encontro dixital 2022 é unha actividade dirixida a profesionais do mundo dixital e tecnolóxico. Celebrarase ás 18:00 horas no espazo coworking e está organizado por Luján Kubrusli e Isabel Viñas, deseñadora web en Impulsa Dixital.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destaca que “se trata do primeiro Encontro dixital organizado polo espazo A Proa en Ames para profesionais do sector. Este encontro súmase a outras actividades que se veñen organizando dende o pasado 5 de outubro que comezou un novo ciclo de obradoiros que se imparten no centro de coworking A Proa”.
A Proa é un espazo de traballo colaborativo que ten como obxectivo ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego. A instalación está pensada para que persoas autónomas e emprendedoras compartan espazos, fomentando a economía social e colaborativa e o espírito de comunidade.
O local está emprazado na entrada do parque empresarial do Milladoiro (Rúa das Hedras, 2) e pertence á Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE