A Porta do Sol estrea pavimento intelixente

martes, 27 de decembro do 2011 Marcus Fernández

O Concello de Madrid e a Agrupación Empresarial Innovadora do Pavimento Intelixente de España (ASEPI) presentaron na Porta do Sol a primeira instalación de pavimento intelixente na cidade, colocando no chan da popular praza madrileña un sistema que emite sinais Wi-Fi e Bluetooth para prestar numerosos servizos para dispositivos móbiles, como acceso á Rede (con certas limitacións) ou a recepción de información de interese turístico e comercial da zona.
Esta solución de vía intelixente instalouse nunha base de pedra natural de carbonato cálcico empregándose 150 metros lineais de pavimento acanalado para facilitar a prestación de servizos a través desta tecnoloxía da que perseguen a súa normalización, aspirando a que as cidades españolas sexan pioneiras no pavimento intelixente, introducindo esta solución para facilitar o desenvolvemento das smart cities.

O pavimento pode achegar acceso á Rede por Wi-Fi a dispositivos móbiles

No caso concreto da Porta do Sol, os viandantes poderán acceder á Internet mediante Wi-Fi a unha velocidade de 256 Kbps (restrinxíndose o acceso a páxinas pouco axeitadas), mentres que os usuarios cun dispositivo móbil co Bluetooth activado tamén poderán recibir información municipal ou cultural no seu terminal.
Dende ASEPI aseguran que esta tecnoloxía ten moito potencial, e que a prestación de Wi-Fi “é só unha das 130 capacidades que ofrece este pavimento” entre as que estarían o envío de información sobre temperaturas ao Concello (para saber cando hai que botar sal polas rúas) ou para monitorizar o tráfico.

PUBLICIDADE