A Policía Local e os Bombeiros da Coruña usarán WhatsApp para superar eivas de comunicación oral

martes, 7 de maio do 2019 Redacción

A concelleira responsable de Seguridade Cidadá da cidade da Coruña, Rocío Fraga, presentou esta mañá o sistema que empregarán a Policía Local e os Bombeiros para atender as demandas e emerxencias das persoas xordas ou con dificultades para a comunicación oral a través de WhatsApp, encargándose a Sala do 092 de centralizar a recepción dos avisos, que se visualizan a través dunha pantalla e que se responden por un terminal de teléfono móbil que está aceso de maneira permanente.
A distribución do número de contacto farase en colaboración coas entidades que traballan na cidade neste ámbito xa que «ten que xestionarse co máximo coidado para que non se estenda a máis xente da que está destinado, dado que, doutro xeito, perdería a súa efectividade». «O teléfono só estará dispoñible para este colectivo, por iso a comunicación se fará dende as asociacións e así ter un rexistro das potenciais usuarias e usuarios do sistema e atender así coa maior rapidez e rigorosidade que é o que merece este servizo», indicou Fraga, quen quixo facer fincapé en que este sistema está limitado exclusivamente a este perfil de persoas, xa que, para o resto da cidadanía, «as vías oficiais de comunicación coa Policía Local e Bombeiros seguen sendo as de sempre, os teléfonos 092 e 080».
O vindeiro paso será reunirse coas entidades, que xa están informadas do sistema, para concretar o listado de persoas potenciais que accederán ao sistema, e tamén a busca de vías, a través da concellería, para achegar esta nova canle ás persoas con problemas de comunicación oral que non estean asociadas a estas entidades.

PUBLICIDADE