A Pobra dota con computadores e conectividade ao alumnado sen posibilidade de teleformarse
mércores, 29 de abril do 2020
O
Concello
da Pobra do Caramiñal vén de facer balance da súa loita contra a
fenda dixital local motivada pola falta de recursos tecnolóxicos,
formación ou conectividade das familias e agravada, a maiores,
pola COVID-19 e o Decreto de Alarma, que, segundo indica o Goberno
local, foi abranguendo un tempo moito maior do que estaba previsto e
obrigou a facer tarefas de repaso e reforzo “por vía telemática”,
dende os domicilios, dos contidos estudados ata ese intre.
O
resultado foi que unha boa parte dos fogares ficaron fóra deste
ámbito de teleformación, “un catro por cento do alumnado do
ensino obrigatorio no noso concello”, explican dende o Consistorio,
que xuntou forzas (por medio da Concellería de Educación que
dirixe Genoveva Hermo) cos centros de ensino para “buscar a maneira
de paliar as ditas desigualdades”.
O
resultado desta colaboración foi a posta a disposición das familias
dos computadores cos que contan os centros educativos, que finalmente
resultaron “ser insuficientes para atender toda a demanda”.
Nesta
situación o Concello complementou a falta de equipamentos e tamén a
ausencia da conexión á Internet facéndose cargo do préstamo de 12
ordenadores portátiles, grazas á colaboración da Concellaría da
Mocidade, que cedeu os equipamentos da Casa da Mocidade. Tamén se
distribuíron 27 tarxetas de datos, co seu correspondente adaptador,
que darán acceso á Internet a tódolos alumnos e alumnas que están
nesa situación.
O
obxectivo deste traballo conxunto dos centros educativos e do
Concello foi “permitir que todo o alumnado poida seguir traballando
usando como recurso o ordenador e a Internet, abrindo outras
posibilidades para o profesorado, que tratará de suplir con estas
ferramentas a imposibilidade das clases presenciais”.
Segundo
informou o Goberno local respecto da teleformación inclusiva e
integradora, “poñendo os medios para que todos e todas teñan as
mesmas oportunidades no acceso á educación”, foi unha “das
tarefas máis gratificantes que o Concello pode levar a cabo neste
momento”. O Executivo tamén agradeceu a disposición para
conseguir os mellores medios para o alumnado da Pobra do Caramiñal
por parte do seu profesorado.