A PlayStation 4 convértese na segunda consola doméstica máis vendida da historia

mércores, 30 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Na presentación das contas trimestrais de Sony incidan que o número de consolas PlayStation 4 vendidas nos últimos tres meses foron 2,8 millóns, ou sexa, que superaron os 102,8 millóns de unidades, que era a cantidade de consolas que a PlayStation vendeu no seu ciclo de vida, polo que a PS4 sería a segunda consola doméstica máis vendida da historia (claramente incapaz de superar os abraiantes 155 millóns de unidades da PS2, que fora unha consola que arrasara con toda a competencia da súa xeración).
Que a PS4 conseguise vender máis que a primeira PlayStation e a Wii deixa claro que as predicións do remate das consolas de videoxogos tradicionais ante a emerxencia do xogo móbil foron moi pouco atinadas, e as consolas tradicionais aínda terán moito que demostrar nos vindeiros anos, sendo a grande incógnita o que pasará co xogo en streaming, que podería trunfar grazas a non precisar de grandes investimentos en hardware por parte do usuario e polo feito de ser unha modalidade de xogo ubicua (cando menos cando a 5G estea normalizada).
Se falamos dos resultados actuais de Sony, a PlayStation 4 está a ter menos vendas do esperado, tanto en número de consolas como en xogos vendidos, o que non debería sorprender se atendemos a que o público xa está a esperar á chegada da PlayStation 5, á vez que algúns dos grandes lanzamentos para PS4, chamados a culminar a xeración, aínda non chegaron ás tendas.

PUBLICIDADE