A PlayStation 4 ábrese hoxe á realidade virtual

xoves, 13 de outubro do 2016 Marcus Fernández

Hoxe chegou un día moi agardado polos usuarios de PlayStation 4, pois chegou ao mercado o casco de realidade virtual PlayStation VR a un prezo recomendado de 399,99 euros, e pese a que as reservas se esgotaran nos primeiros días, finalmente non parece haber problema para conseguir unidades deste accesorio que quere popularizar o uso da realidade virtual no fogar, e do que hai que comentar que precisa para funcionar unha cámara que ten un prezo oficial de 59,99 euros, polo que en total suma unha cantidade económica bastante elevada, que supera ao que habitualmente os usuarios pagan por unha consola, o que supón todo un atranco para este trebello.
O casco de realidade virtual integra unha pantalla OLED de 5,7 polgadas que permite introducirnos en mundos virtuais cunha visión de 360 graos, que grazas á súa reducida latencia consegue grande realismo e certa comodidade (evitando así os mareos que provocaban os primeiros cascos de realidade virtual). Pero o hardware non é a parte máis importante deste produto, xa que sen contidos de nada serve a realidade virtual, e dende Sony quixeron apostar forte pola creación de xogos e experiencias de VR, de xeito que de saída temos medio cento de títulos dispoñibles, que van dende un simulador de Batman até xogos de disparos en primeira persoa, pasando por simuladores de condución, polo que cada usuario atopará diversidade de contidos para poder introducirse nesta tecnoloxía emerxente.

Actualización do reprodutor multimedia da PS4

Pero para poder aproveitar moito mellor o casco de PlayStation VR unha aplicación que vén de actualizarse é o reprodutor multimedia do sistema que, aparte de introducir novas opcións de audio (como a reprodución de ficheiros en formato FLAC, que tanto agradecerán os melómanos), pode amosar xa imaxes e vídeo en 360 graos que acheguemos a través de servidores multimedia ou unidades de almacenamento USB.
Os contidos en 360 graos precisan estar en formato equirectangular para poder reproducirse en PlayStation VR, podendo as imaxes estar en JPEG, BMP ou PNG e os vídeos en MKV, MP4, AVI, MPEG2 PS, MPEG2 TS ou AVCHD.

Mostra dos títulos dispoñibles para PlayStation VR

PUBLICIDADE