A PSPD denuncia a R Cable polo tratamento que fai das queixas dos consumidores na área de clientes

martes, 27 de outubro do 2020 Redacción

As entidades que engloban a PSPD (Unión de Consumidores de Galicia, ADECES e a Asociación de Internautas) veñen de denunciar á operadora R Cable e Telecable (Grupo Euskaltel) ante as autoridades de competencia e telecomunicacións polo tratamento das reclamacións dos consumidores na súa área de clientes. Segundo explican nun comunicado, “a operadora podería estar construíndo unha imaxe irreal da calidade dos seus servizos que estaría a vulnerar o dereito á información das persoas consumidoras”.
A PSPD, a través da Unión de Consumidores de Galicia, presentou senllas denuncias ante as autoridades de competencia e a Secretaría de Estado para o Avance Dixital polo que cualifica de “irregularidade no mecanismo de presentación de reclamacións vía Internet do operador R Cable e Telecable Telecomunicaciones S.A.U”.
Máis polo miúdo, a plataforma explica que “cando se desexa presentar unha reclamación desde a área clientes, no apartado habilitado da web da compañía, o formulario que se pon ao dispor do consumidor é o de calquera outra consulta, solicitude ou suxestión”. Este tratamento, explica a UCGAL, “achega dúbidas sobre se as reclamacións así presentadas son contabilizadas como tales e polo tanto puideran non terse en conta á hora de medir a calidade do servizo, un aspecto que cada vez é máis importante para as persoas consumidoras”.
A plataforma fai saber que a normativa en materia de telecomunicacións (Lei 9/2014, Xeral de Telecomunicacións, RD 899/2009, do 22 de maio, polo que se aproba a carta de dereitos do usuario dos servizos de comunicacións electrónicas e a Orde IET/1090/2014, do 16 de xuño) establece a obriga das operadoras de publicar na súa web información sobre a calidade dos servizos que presten, así como os parámetros e métodos para a súa medición. “Para medir estes parámetros”, di a plataforma, “as compañías do sector deben ter en conta todas as comunicacións dos clientes recibidas a través de correo postal, de correo electrónico, do portal de Internet ou de calquera outra xanela de entrada que teñan a consideración de reclamación, entendendo como tal calquera expresión de insatisfacción ou unha observación negativa referida ao servizo”.
E engaden: “Dado que R Cable e Telecable desvía as reclamacións efectuadas desde a área cliente a un formulario relativo a consultas, solicitudes e suxestións, existe a posibilidade de que estas reclamacións así presentadas non sexan rexistradas como tales e, polo tanto, non sexan tidas en consideración ao facer o reconto do número total de reclamacións recibidas”.
As entidades que conforman a PSDPD consideran que este feito “constituiría unha infracción da Lei 9/2014 Xeral de Telecomunicacións e a súa normativa de desenvolvemento ao incumprir as obrigas en materia de calidade do servizo e vulnerar o dereito das persoas usuarias a obter unha información fiable (art. 78 da Lei 9/2014)”.

PUBLICIDADE