A PS4 vestirase de Darth Vader en novembro

luns, 17 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Os afeccionados á franquía de Star Wars non só recibirán este outono o agardado xogo Star Wars Battlefront, que permitiralles introducirse en tal universo de ficción, senón que este lanzamento vai contar cunha edición especial da PlayStation 4 que venderase en dous lotes diferentes bastante atractivos, tanto polos seus contidos como pola aparencia da consola inspirada en Darth Vader.
Esta nova PS4 que presenta no seu exterior a cara de Darth Vader (e o logotipo de Star Wars) chegará ás tendas en unidades limitadas o 17 de novembro, cun disco duro interno de 1 TB, acompañada por un mando DualShock 4 inspirado no traxe de Darth Vader e o xogo Star Wars Battlefront en edición física. Adicionalmente incluirase un cupón de descarga dos xogos clásicos Super Star Wars, Star Wars: Racer Revende, Jedi Starfighter e Star Wars Bounty Hunter, renovados para incluír gráficos mellorados e trofeos.
Pero para os máis cativos tamén estará dispoñible unha edición desta atractiva consola, que en vez de incluír o xogo Star Wars Battlefront, opta por Disney Infinity 3.0: Play Without Limits, do que incluirá unha copia física, a Base Disney Infinity, o Pack PlaySet Rise Against The Empire (coas figuras de Luke e Leia) e a figura de Boba Fett (exclusiva para PlayStation). Este lote tamén incluirá o cupón para descargar os clásicos de Star Wars adaptados á PS4.
Dado o interese que se espera polo novo xogo de Star Wars Battlefront, aparte da edición limitada tamén será posible mercar lotes da consola estándar co xogo.

Vídeo promocional da edición limitada da PS4 co gallo do lanzamento de Star Wars Battlefront

A edición limitada da PS4 tamén poderá mercarse co novo Disney Infinity

PUBLICIDADE