A PS4 terá unha edición limitada co xogo Batman Arkham Knight

martes, 31 de marzo do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos días puidemos ver como se detallaba o DLC que recibirán de balde os usuarios do xogo Batman Arkham Knight que o reserven, que consistiría nunha aventura na que poderiamos encarnar por primeira vez nesta franquía ao personaxe de Harley Quinn, aínda que este contido sería para todas as plataformas, mentres que os usuarios de PlayStation 4 poderían gozar de máis contidos, xa que terían tamén Scarecrow Nightmare, DLC que presenta tres misións adicionais que se desenvolven durante un elipse solar que sume Gotham na escuridade, levando a Batman ter que usar o Batmóbil para enfrontarse a un monstruoso Espantallo de 30 metros de altura e ao seu exército.
Pero a cousa non queda aí, e Sony non só vai gozar de contidos dixitais para celebrar a chegada da derradeira entrega da triloxía de Arkham, senón que tamén comercializará unha edición limitada da PlayStation de cor gris aceiro, cun deseño baseado no xogo, mando DUALSHOCK 4 en gris aceiro e unha copia de Batman Arkham Knight en Blu-ray.
Aparte da edición limitada en cor gris aceiro, tamén haberá un lote da PlayStation 4 con Batman Arkham Knight, semellante aos lotes actuais de consola + xogo, que sairá á venda á vez, ou sexa, o vindeiro 23 de xuño, que é a data na que chegará o xogo de Rockstar ás tendas despois de varios adiamentos.


Trailer do DLC do Espantallo en Batman Arkham Knight

PUBLICIDADE