A PS4 supera os 91,6 millóns de unidades vendidas

mércores, 9 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

A PlayStation 4 xa leva 5 anos connosco, e dende Sony están a facer balance agora que rematou 2018, e confirman que a súa máquina de videoxogos vendeu 91,6 millóns de unidades até o momento, superando ás vendas que conseguiran no seu día a PS3 ou a Xbox 360, que non superaran os 85 millóns de unidades no dobre de tempo, o que parece confirmar que nesta xeración Sony beneficiouse de collerlle a dianteira a Microsoft por mor da mala política de lanzamento da Xbox One.
Os bos resultados da PS4 durante 2018 parecen estar ligados a Spider-Man, xogo exclusivo para a consola de Sony que vendeu 9 millóns de copias, o que sumado ás 5,6 millóns de consolas PS4 que venderon na campaña de Nadal, deixa constancia do bo momento que vive a PlayStation 4, pese a ser unha consola que aínda ten bastante vida por diante, xa que a súa sucesora aínda non se anunciou (e non está prevista até 2020).
A PS4 pode presumir agora estar en disposición de superar en vendas a grandes consolas como a primeira PlayStation e a Wii de Nintendo, incluso podería chegar a pórse por diante da Game Boy (con 118,7 millóns de consolas vendidas), mentres que os primeiros postos de consolas semellan difíciles de volver conseguir, xa que a PS2 e a Nintendo DS andan no contorno dos 155 millóns de unidades vendidas, pero non podemos esquecer que non tiveron que competir no seu día cos smartphones e as tabletas como dispositivos de xogo.

PUBLICIDADE