A PS4 supera os 100 millóns de consolas vendidas

martes, 30 de xullo do 2019 Marcus Fernández

O último informe financeiro presentado por Sony reflicte que a PlayStation 4 superou a barreira dos 100 millóns de consolas no primeiro trimestre fiscal de 2019 (segundo trimestre natural do ano), o que suporía que conseguiron superar tal marca en 5 anos e 7 meses, converténdose na consola en chegar máis rápido a tal volume de vendas (superando á Wii de Nintendo nun par de meses), o que tamén leva a realizar a mesma comparación coa Nintendo Switch, consola que estaría a demostrar nos seus primeiros meses un pulo moi semellante ao da PS4. Aínda que polo momento Nintendo vendese só a terceira parte de consolas que Sony (36,87 millóns de unidades), se analizamos os datos de venda cronoloxicamente teríamos que a Switch tería unha saúde semellante á da Wii, polo que no punto actual da evolución das vendas da consola podería superar á PS4, aínda que será complicado manter ese impulso durante varios anos (especialmente porque para o ano que vén producirase un salto de xeración de consolas que podería ter un grande impacto no sector).
Outros datos interesantes do informe de Sony sería o relativo ás vendas de videoxogos, xa que por primeira vez na historia as compras de xogos completos en formato descargable superan ás do formato físico, conseguindo unha ratio do 53%, o que supón un incremento moi grande, xa que hai un ano esa relación era do 43% e en 2017 a relación de xogos descargables estaba nun discreto 32%.

PUBLICIDADE