A PS4 slim terá versión dourada

luns, 5 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos anos afixémonos a que cada unha das grandes consolas de videoxogos contase con novas cores cada poucos meses, moitas por tempo limitado, e a nova máquina por recibir este tratamento é a PlayStation 4 slim, que entre os días 9 e 17 de xuño vai estar á venda nos EE.UU. na súa versión con 1 TB de disco duro e carcasa de cor dourada a un prezo promocional de 249 dólares, o que supón un aforro de 50 dólares fronte ao modelo normal. A consola tamén chegará cun mando na mesma rechamante cor dourada.
Esta oferta deuse a coñecer inicialmente a través dun folleto de Target, cadea que tamén anunciaría algúns xogos que estarían en oferta durante o mesmo período, como GTA V ou Horizon Zero Dawn, de xeito que podería ser un magnífico momento para facerse cunha PS4 nos EE.UU.
Queda agora por saber se esta consola dourada chegará a España cedo, e se tamén estará acompañada con outras atractivas ofertas.

Folleto de Target que nos deixa ver as promocións que acompañan á nova PS4 slim en cor dourada

PUBLICIDADE