A PS4 recibe o seu xogo exclusivo de Spider-Man

venres, 7 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Por fin chegou o día para os seareiros do trepamuros da Marvel, e chega ás tendas un xogos exclusivos de PlayStation 4 máis agardados da tempada, Marvel’s Spider-Man, que podemos adquirir a un prezo oficial de 69,99 euros, e co que Insomniac Games ousaron a contar unha aventura totalmente orixinal en vez de adaptar historias da banda deseñada, a televisión ou o cine, conseguindo así un personaxe cunha identidade de seu que nos vindeiros anos podería ter un desenvolvemento semellante ao que tivo Batman na saga de Arkham de Rocksteady Studios.
Este novo xogo ponnos na pel de Peter Parker na súa loita contra o crime na cidade de New York vestindo a máscara de Spider-Man, incorporando á historia a numerosos personaxes claramente recoñecibles polos seareiros do personaxe (tanto amigos como inimigos) e conseguindo tamén que a cidade xogase un rol importante, ao permitir que o protagonista poida balancearse entre os edificios dun xeito trepidante que busca transmitir a sensación de ser o Home Araña.
Aparte do xogo, Sony tamén quixo aproveitar a especial ocasión para pór á venda unha edición especial da PlayStation 4 Pro en cor vermello, que na consola inclúe o logotipo de Spider-Man en cor branca, mentres que no mando DUALSHOCK 4 vermello o acento branco limítase aos botóns e ás pancas de xogo.
Esta consola de edición limitada con 1 TB de disco duro ten un prezo de venda recomendado de 399,99 euros.

Tráiler de lanzamento do xogo

PUBLICIDADE